-
Anxo Arca, alcalde de Padrón, defendeu o galego como lingua europea, remarcando os valores fundamentais da Unión Europea
-
O proxecto, aprobado pola Comisión Europea, foi o único seleccionado e conta coa representación de 16 países europeos
-
Os temas a tratar centráronse no benestar animal, na inclusión social e nas accións en prol da igualdade real
O Concello de Padrón participou en Bordeos (Francia) no segundo evento do proxecto europeo “Reforzando a identidade europea en tempos de crise” (Strengthening european identity in times of crisis) aprobado pola Comisión Europea dentro do programa CERV (Cidadáns, igualdade, dereitos e valores) 2021-2027 . Dito proxecto foi o único seleccionado en Galicia e axudará a promover a participación activa a nivel local e europeo de cara a perfilar liñas que reforcen a identidade europea a través do diálogo intercultural.
O encontro contou coa participación de 30 representantes de administracións locais e asociacións da sociedade civil de 16 países da Unión, que debateron os desafíos que enfronta Europa. O programa de actividades incluíu conferencias, mesas redondas e paneis de experiencias onde participaron tanto expertos locais como representantes dos países socios. Durante estas actividades tratáronse temas como as políticas de benestar animal implantadas na cidade de Bordeos (Francia), así como programas de inclusión en Figueira da Foz, Buarcos (Portugal) ou guías de boas prácticas en prol da igualdade real adoptadas por asociacións ou localidades como o Concello de Andrychow (Polonia), o Concello de Kirkop (Malta), a Asociación Asturia (Bélxica), o Concello de Haninge (Suecia), o Concello de Glokusoveve (Eslovaquia), a Asociación Solis Tuvak (Lituania) ou a Asociación Jaunimo Mokymo Centras (Letonia), entre oturas.
No desenvolvemento das conferencias, cada poñente non só amosou as accións levadas a cabo no seu territorio, senón tamén o material didáctico empregado, como foi o caso do concelleiro responsable da área de respecto polos seres vivos e condicións dos animais de Bordeos, Francis Feytout, que amosou a guía municipal “A condición animal. Cal é o lugar para os animais na cidade?” ou a guía de responsabilidade animal. Isto fixo posible o intercambio de impresións co seu homólogo padronés, o concelleiro de Benestar animal, Luis Mariño.
Na súa intervención, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, defendeu a lingua galega como lingua europea que debe ter a mesma consideración que todas as demais. “As linguas son un dos elementos culturais fundamentais. Debemos respectalas e defendelas a todas por igual. Todas conforman a
identidade europea en tanto que suma de culturas continentais”. Ademais, fixo un chamamento á defensa da paz nun tempo de máxima tensión. “Estamos hoxe participando neste evento mentres o mundo padece o impacto brutal das consecuencias da guerra en Ucraína e no Oriente Próximo. Resulta imprescindible realizar este esforzo: vir a escoitarnos, a coñecernos, a tender pontes e sentirnos parte desta gran estrutura política, deste espazo de entendemento e liberdade que constitúe a Unión Europea”.
O alcalde tamén presentou Padrón aos e ás participantes e rematou a súa intervención citando os valores e obxectivos da Unión. “Somos cidadáns europeos. Sintámonos orgullosos e traballemos cada día por seguir construíndo unha mellor Europa dende os nosos concellos, dende cada asociación, día a día e con mentalidade aberta, sensibilidade e vontade de entendemento”.
A seguinte parada deste ciclo de encontros será en Malta, en decembro, e a temática xirará sobre as migracións e o patrimonio cultural.
Máis información sobre o proxecto Reforzar a identidade europea en tempos de crise, nesta ligazón.