Asistiron aos seminarios de ‘Camiños de coñecemento e experiencia’ celebrados no mes de xuño no centro social ||
A vicerreitora Pilar Murias destacou a súa actitude por aprender e animounos a seguir participando nesta iniciativa ||
A concelleira Mariló Saco recolleu as credenciais no Paraninfo da Universidade ||
Veciñas e veciños de Padrón que se matricularon este curso no Programa universitario para maiores de 50 anos Camiños de coñecemento e experiencia da Universidade de Santiago acudiron este martes ao paraninfo da USC a recoller os seus diplomas. O alumnado padronés que participou no IV Ciclo estivo acompañado pola concelleira de Educación e Ensino, Mariló Saco, e polo concelleiro de Deportes, Luis Mariño.
En Padrón, unha trintena de persoas asistiron no mes de xuño aos seminarios impartidos no centro social sobre a carta xeográfica de Galicia de Domingo Fontán, sobre o sono e os seus trastornos ou sobre os dereitos dos consumidores e servizos no fogar.
O acto de clausura celebrouse en Compostela, no Paraninfo da USC, e estivo presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que agradeceu a presencia de 300 dos 610 alumnos matriculados no IV ciclo da universidade. Murias destacou a actitude do alumnado polo seu desexo de saber e facer cousas novas e animounos a seguir participando na vindeira edición.
Mariló Saco foi o encargada de recoller os diplomas correspondentes ao alumnado de Padrón. Tras o acto, todos os asistentes puideron gozar no Teatro Principal da representación da obra “As vellas non deben namorarse”.
A directora do Programa universitario para maiores IV Ciclo, Esther Olveira, agradeceu a colaboración dos 28 concellos que participaron nesta iniciativa da USC, e de xeito especial ao persoal municipal que se implicou directamente no programa. Nesta edición de Camiños de coñecemento e experiencia matriculáronse 610 estudantes das catro provincias galegas, procedentes de catorce concellos da provincia da Coruña, oito da provincia de Lugo, cinco da provincia de Pontevedra e un da provincia de Ourense.
No acto de clausura tamén estiveron presentes o subdirector xeral de Atención sociosanitaria e innovación asistencial da Consellería de Política Social, José Javier Ventosa, e o profesor da Universidade de Vigo Victoriano Nodar.