-
A selección das 100 persoas beneficiarias xa está en marcha
-
O obxectivo é mellorar a empregabilidade mediante información, orientación e asesoramento
-
O compromiso de inserción é dun mínimo do 37%
O alcalde Padrón, Anxo Arca, participou este luns 18 de decembro na presentación do Programa Integrado de Emprego do Concello de Dodro 2023/2024 xunto ao resto dos representantes políticos dos municipios que integran esta iniciativa. Ademais de Dodro, Padrón, Rois, Valga e Pontecesures, incorporase nesta edición Catoira en substitución de Rianxo.
O PIE ofrece neste curso 100 prazas cunha financiado da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal de 220.000 €.
O obxectivo é mellorar a empregabilidade a través da combinación de actuacións de información, orientación e asesoramento laboral individual; formación para o emprego; obradoiros de coaching e intelixencia emocional, de habilidades sociais, de entrevistas e mobilidade laboral; accións de intermediación con empresas; realización de prácticas non laborais, e fomento do autoemprego e o emprendemento.
O compromiso de inserción é dun mínimo do 37%, unha cifra que se superou nos últimos anos.
As accións do Programa Integrado de Emprego do Concello de Dodro deste curso desenvolveranse ata novembro do 2024.
Comezarán coa orientación e co asesoramento laboral ademais de ofrecer formación en sectores diversificados de relevancia laboral na contorna. Entre as propostas inclúese servizos á comunidade, industrias alimentarias, hostalaría e turismo, fabricación mecánica, comercio e márketing, e téxtil.
As persoas beneficiarias percibirán unha bolsa de 10€ por día por asistencia ás accións que se realicen nel.
A selección das persoas para o Programa xa está en marcha. Os interesados en participar deben estar dadas de alta como desempregadas na súa Oficina de emprego de referencia e pertencer a algún dos seguintes colectivos: persoas desempregadas con discapacidade, persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas desempregadas menores de 30 anos cualificadas, persoas desempregadas maiores de 45 anos, persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI), mulleres desempregadas e persoas desempregadas de longa duración.
Tamén teñen que solicitar a participación no procedemento de selección directamente no Concello de Dodro, ou a través dos Departamentos de Emprego de calquera dos Concellos participantes.
Para obter máis información poden poñerse directamente en contacto co Programa.