-
O alcalde Anxo Arca e concelleira Chus Campos repartiron os premios entre os elixidos
-
Na categoría de establecementos, o Café Bar Século XX e o Café Bar Botánico acadaron o segundo e o terceiro posto
-
A EEI de Pontecesures leva o segundo premio á decoración realizada por centros educativos
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a primeira tenente de alcalde e concelleira de Comercio e Turismo e Festas, Chus Campos, entregaron os premios do concurso de decoración Nadal na rúa 2023 aos gañadores desta edición. O vencedor na categoría de establecementos foi a Farmacia Noelia Mayo, que acadou un premio de 250 euros. O Café Bar Século XX e Café Bar Botánico, que lograron o segundo e o terceiro posto, respectivamente, recibiron 150 e 100 euros cada un.
Na categoría de decoración realizada por asociacións sen ánimo de lucro, colectivos, entidades culturais ou centros educativos de Padrón volveu gañar a Escola de Educación Infantil da Escravitude, que logrou 200€. O fallo do xurado decidiu que o segundo posto, dotado con 100 €, fose para a Escola de Educación Infantil de Pontecesures.
Un ano máis as empresas e asociacións sen ánimo de lucro, os colectivos, as entidades culturais e os centros educativos de Padrón amosaron a súa implicación neste certame o que derivou nun alto nivel de participación e de creatividade nas decoracións. Grazas a colaboración de todos os participantes, acadouse o obxectivo de enxalzar a beleza do patrimonio arquitectónico da vila nesta tempada de Nadal para ofrecer un Padrón máis atractivo.
O xurado estivo formado pola concelleira Chus Campos; María Castelao Fraga, experta en deseño e publicidade; Minia del Río Arca, xestora de proxectos turísticos; e Begoña Caldas Garrido, técnica de Turismo. Os factores que tiveron en conta para a súa decisión foi a creatividade e a orixinalidade na ornamentación; a inclusión de identidade local e o emprego de materiais de refugallos ou eco-sostibles.
As contías dos premios deberán ser consumidas no comercio e na hostalería local no período que vai ata o 30 de xaneiro de 2024. No caso de non gastar todo o premio, ou de non presentar os recibos correspondentes, o Concello solicitará o seu reembolso.