O alcalde de Padrón inaugurou onte a exposición, que conta con paneis informativos, fotografías e obxectos vencellados á historia do tren ||
Estará aberta de luns a sábado ata finais de febreiro ||
A visita é unha excusa excelente para achegarse ata a Fundación Cela a ver a locomotora que tirou do primeiro tren galego ||
A Casa dos Capeláns, en Iria Flavia, acolle desde este 19 de xaneiro a exposición ‘150 aniversario do primeiro ferrocarril galego’ coa que se recorda a chegada do tren a Galicia o 15 de setembro de 1873, día no que se realizou o primeiro traxecto da liña que unía Cornes, en Santiago, con Carril, en Vilagarcía. O alcalde de Padrón, Anxo Arca, amosouse “emocionado” por lembrar con esta mostra os 150 anos da chegada do tren a Galicia. “Un fito histórico que supuxo a configuración dun eixo socioeconómico de desenvolvemento nos municipios polos que atravesaba a liña Cornes-Carril”, dixo na súa intervención.
Ademais do alcalde, no acto de inauguración da mostra estiveron presentes os membros do goberno municipal, representantes da Corporación padronesa, e o comisario da mostra, Carlos Abellán, presidente da Asociación Compostela de Amigos del Ferrocarril.
Organizada polo Concello de Padrón e a Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril, a exposición lembra esa primeira liña, que uniu a capital galega co mar, e tamén fai un percorrido polo desenvolvemento do ferrocarril en Galicia nos 23 paneis informativos, fotografías e obxectos históricos vencellados ao mundo ferroviario.
Con entrada gratuíta, estará aberta de luns a sábado na Casa dos Capeláns ata o 29 de febreiro. Entre semana, o horario será de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00h. polas tardes. Os sábados abrirá só pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.
A visita supón, ademais, unha oportunidade excelente para achegarse tamén a coñecer a locomotora que tirou dese primeiro tren galego. Bautizada popularmente como Sarita e recentemente rehabilitada, pode verse de novo dende hai uns meses nos exteriores da Fundación Pública Camilo José Cela.
A mostra está comprendida nunha exposición itinerante, que xa se puido ver en Santiago e Vilagarcía e que, despois de Padrón, visitará os catro concellos do traxecto Cornes-Carril. O obxectivo da exposición e “amosar o que foi esta liña durante os seus 150 anos de historia e as entidades e personaxes que colaboraron, se implicaron na súa posta en marcha ou que louvaron os seus beneficios, como a Sociedade Económica de Amigos do País, Rosalía de Castro, Domingo Fontán ou o pai de Valle Inclán”, segundo explicou Carlos Abellán.
Ademais da conmemoración dos 150 anos do ferrocarril en Galicia, a mostra coincide coa celebración dos 175 anos do primeiro tren da península Ibérica, entre Barcelona e Mataró en 1848, engadiu o comisario da exposición.