-->

Padrón destaca a traxectoria de oito Rumorosas nunha exposición de rúa para celebrar o 8M

  • Concello e CIM resaltan o compromiso das protagonistas pola igualdade dende diferentes eidos profesionais

  • As homenaxeadas son María Calvo, Silvia Carnero, Lydia Angueira, Loli Quintáns, Sabela Ramos, Begoña Suárez, Ana Fernández e o grupo de palistas formado por Ainara Rodríguez, Sabela Duro, María Villaverde, Uxía Álvarez e Candela Romero

  • O amplo programa inclúe a obra de teatro ‘Invisibles’, obradoiros de empoderamento e un mercado de artesanía ‘Voces delas’, que se celebrará o día 23

 

O Concello de Padrón e o Centro de Información á Muller Terras de Iria (CIM) celebran o 8M coa inauguración da mostra Rumorosas 2024. A exposición urbana ao aire libre amosa os oito recoñecementos ás mulleres galardoadas na edición deste ano polo seu compromiso pola igualdade ao longo da súa traxectoria persoal e dende diferentes eidos profesionais.

Para conmemorar o Día Internacional da Muller a Concellería de Igualdade e Muller deseñou un amplo programa de actos que inclúe a representación da obra de teatro ‘Invisibles’, obradoiros de empoderamento e un mercado de artesanía ‘Voces Delas’, que encherá de actividades o casco histórico o 23 de marzo.

A iniciativa Rumorosas 2024 rende este ano homenaxe a María Calvo, Silvia Carnero, Lydia Angueira, Loli Quintáns, Sabela Ramos, Begoña Suárez, Ana Fernández e ao grupo de palistas formado por Ainara Rodríguez, Sabela Duro, María Villaverde, Uxía Álvarez e Candela Romero. Estas veciñas de Padrón foron elixidas pola súa destacada actuación na defensa dos mesmos dereitos, os mesmos recursos, as mesmas oportunidades e a mesma protección entre mulleres e homes.

A exposición de rúa inaugurarase o vindeiro venres, 8 de marzo, cun percorrido que partirá da praza da Igualdade ás 17.00 horas e percorrerá o casco histórico de Padrón dando a coñecer o labor das Rumorosas 2024.

Ás 18.00 representarase no auditorio municipal a obra de teatro Invisibles, protagonizada por Mela Casal, Neves Rodríguez e Sheyla Casal. O acceso é gratuíto ata completar aforo, pero é necesario retirar a entrada no centro social.

O acto institucional do 8M celebrarase no auditorio municipal ao rematar a obra de teatro, sobre ás 19.30

 

Rumorosas 2024

As Rumorosas 2024 distinguidas polo Concello de Padrón este ano son:

María Calvo (Padrón, 1983)

María Calvo é licenciada en Ciencias do Mar e CEO de Arenaria Coordinación, S.L.U., empresa fundada en 2009 con sede en Padrón dedicada á realización de actividades e proxectos educativos e divulgativos nos eidos científico, mariño e medio ambiental.

Dende a súa experiencia persoal e profesional considera que o 8M “é o recordatorio de que a igualdade entre as persoas constrúese día a día”.

Silvia Carnero Ares (Santiago, 1983)

Silvia Carnero rexenta en Padrón o eco-salón de peiteado e de beleza Silvia’s Look. Debido a problemas de saúde derivados do uso de produtos químicos, especializouse en saúde capilar e dende 2016 traballa baixo parámetros do eco-salón, con tratamentos orgánicos de respecto polo medio natural.

Comprometida coa igualdade de oportunidades, esta padronesa de adopción entende o 8M “como un día no que as mulleres celebramos os avances que se están acadando”.

Lydia Angueira (Dodro, 1954)

Lydia Angueira é propietaria e cociñeira de Pulpería Rial, a casa de comidas inaugurada o 11 de febreiro de 1983 e convertida dende entón en todo un referente gastronómico e cultural da comarca. Dende a súa loita persoal contra o cancro, unha enfermidade arraigada na xenética familiar e que afecta a varias xeracións de mulleres, é exemplo de loita e positivismo.

“O 8M é unha xornada especial pero é unha data que deberiamos ter en conta todo o ano poñendo en valor a todas e cada unha das mulleres cada un dos 365 días”, afirma Lydia.

Loli Quintáns (Negreira, 1958)

Loli Quintáns é unha das pioneiras no Traballo Social en Galicia. No ano 1979 obtivo o título de Asistente Social e dende entón traballa vencellada a prol do servizos sociais básicos e comunitarios sendo testemuña e parte clave na implantación e desenvolvemento de moitos programas. Loli é referente na comarca do Sar e unhas das pioneiras a nivel galego na consolidación dos Servizos Sociais.

Foi Traballadora Social en Padrón entre 1984 e 2021, período durante o que se implantaron o SAF, os programas básicos de Educación Familiar e Voluntariado, as Aulas de Formación Permanente de Adultos ou o CIM.

A súa experiencia e vivencias lévanlle a sinalar o 8M como o día no que “conmemoramos as loitas e as conquistas sociais, laborais, políticas e culturais das mulleres, celebramos os logros acadados e reivindicamos a implementación de medidas para acadar a igualdade efectiva”.

Sabela Ramos (Padrón, 1986)

Sabela é enxeñeira informática en Google DeepMind, en Amsterdam, e actualmente traballa no desenvolvemento de ferramentas para Reinforcement Learning e a súa aplicación na IA xenerativa. Ten publicados máis de 30 artigos científicos e colabora en varios proxectos de software libre. Nos últimos 4 anos liderou a comunidade de Google Women in Engineering de Zurich e participa en distintas iniciativas para promover a igualdade.

Comprometida de xeito activo para dar visibilidade ás mulleres nos diferentes eidos profesionais, entende que o 8M “é un día para reivindicar a igualdade e os dereitos das mulleres”. “E tamén para celebrar a sororidade e os logros das que viñeron antes e loitaron polos dereitos de todas”, engade.

Begoña Suárez (Santiago, 1972)

Licenciada en Dereito, Begoña Suárez é dende o ano 2009 a directora-xerente da Asociación AMIPA, o único recurso de atención comarcal para as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual. Nesta entidade promove diferentes programadas de desenvolvemento sobre xénero e diversidade.

Begoña é consciente da problemática á que se enfrontan os colectivos máis vulnerables no seu día a día, por iso subliña que “o 8M é un día no que reivindicamos que hai que coidar e respectar os ritmos de cada muller para que poidamos ocupar o noso lugar no mundo”.

Ana Fernández (Estramundi, 1984)

Pandeireteira e educadora, Ana Fernández iniciouse no folclore na A.C. Rosalía de Castro sendo agora a súa mestra e directora artística. Estudiou artes escénicas e formou parte de importantes proxectos musicais ao tempo que seguiu formándose como música e pescudaba sobre o noso folclore, divulgando os seus coñecementos en asociacións e escolas. Participou na creación da asociación 'Mulleres en Padrón', entidade que presidiu nos seus primeiros pasos.
 
Crítica coa situación da muller en moitos sectores profesionais, especialmente no eido artístico, Ana insiste en que o 8M “é unha data para lembrar e honrar ás que nos precederon na loita polos nosos dereitos e recordar que os cambios hai que pelexalos os 364 días restantes”.
 

Ainara Rodríguez - Sabela Duro - María Villaverde - Uxía Álvarez - Candela Romero

Ainara, Sabela, María, Uxía e Candela forman parte dunha das xeracións de deportistas brillantes. Todas elas destacan dentro do piragüismo, cunha emerxente traxectoria como palistas na que acumulan presencias nas mellores competicións a nivel nacional e internacional ademais de acadar diferentes títulos e medallas. Como mulleres mozas e como deportistas saben da dificultade de abrirse camiño e de facerse valer nun eido que ata fai pouco estaba só pensado para os homes.

Aínda que cada unha amosa diferentes inquedanzas, coinciden en sinalar que o 8M “é un día no que as mulleres deberíamos estar unidas loitando polo nosos dereitos, porque ser muller é unha combinación de valentía, dignidade e resistencia inquebrantable”.

 

Obradoiros e mercado de artesanía Voces Delas

A ampla programación para celebrar o Día Internacional da Muller polo Concello de Padrón comeza mañá coa representación da obra de teatro infantil A miña historia, que está baseada na figura de Rosalía de Castro e dirixida ao alumnado dos CEIP Rosalía de Castro e Flavia. Ademais as actividades lúdicas cubrirán todo o mes mediante Mulleres visibles un programa de actividades de sensibilización que levará a dinamizadora do CIM a todas as escolas unitarias e de educación infantil do municipio.

Este martes, 5 de marzo comeza o primeiro dos obradoiros dirixidos á mulleres. Coidado emocional e empoderamento creativo e o nome desta actividade impartida por Reina D’Hore e que se vai desenvolver os martes 5, 12, 19 de marzo e 2 deabril na aula do centro social de 18.15 a 20.15 horas. O obxectivo é fomentar o empoderamento e a xestión das emocións mediante o coaching persoal e de grupos con técnicas de creatividade como debuxo, escritura, barro ou movemento.

Os venres 15 e 22 de marzo e 12 e 19 de abril celebrarase o obradoiro Empoderamento dixital para mulleres, impartido por María Jesús Luces, na aula Cemit de 18.00 a 19.30 horas.

A asistencia a este dous obradoiros é gratuíta, pero require inscrición previa nas oficinas do CIM, no teléfono 611 003 472 ou no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

O 22 de marzo, ás 18.00 horas na Fundación Rosalía de Castro presentarase o libro A única, María Casares, de Anne Plantagenet. Todas as persoas asistentes poderán adquirir exemplares da obra e coñecer a figura da gran actriz galega. O acto será presentado pola concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco, e pola actriz Berta Ojea, gañadora do Mestre Mateo 2023 por Rapa e editora da edición en galego do libro, que coñeceu persoalmente a María Casares.

A programación do 8M pecharase o sábado 23 de marzo coa celebración co mercado de artesanía Voces Delas, previsto para o pasado sábado, 2 de marzo, e que se adiou debido ao mal tempo. Postos de artesanía liderados por mulleres colocaranse no casco histórico de 11.00 a 19.00 horas, nun espazo no que haberá música en directo e diversas actividades durante todo o día.

Consulta nesta ligazón a programación completa do Concello de Padrón para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…