-
A saída tomarase de xeito gradual dende a Praza de Macías a partir das 10.30 horas
-
A proba absoluta iniciarase ás 12.00 cun percorrido de 13,3 quilómetros
-
O prazo de inscrición péchase o mércores 27 de marzo
A Carreira Popular de Pascua abre hoxe, e ata o mércores 27 de marzo, a inscrición da súa 43 edición. A proba disputarase o sábado 30 de marzo a partir das 10.30 horas coa participación de atletas de todas as idades sexan ou non federados. Repartiranse medallas entre todas as persoas participantes, ademais de trofeos para os primeiros clasificados e premios en metálico para os mellores equipos federados. A inscrición é gratuíta para os escolares e ten un custo de 7 euros para a proba absoluta.
A saída da XLIII Carreira Popular da Pascua farase como é habitual dende a praza de Macías a partir das 10.30 horas. Os primeiros en facelo serán os corredores da categoría sub 6 (nados/as no ano 2019 e posteriores), que cubrirán unha distancia de 100 metros. Dez minutos máis tarde, ás 10.40, sairán os sub 8 que completarán 425 metros. Xa a partir das 10.50, farano os atletas sub 10, que percorrerán 625 metros, a mesma distancia que os sub-12 que participan a partir das 11.05 horas. A quenda da categoría sub 14, con dous quilómetros de percorrido, será este ano ás 11.15 horas. Polo que respecta aos sub 16 e sub 18 sairán ás 11.30 horas cunha distancia de 3,5 quilómetros. A carreira absoluta, que engloba os sub 20, sub 23, sénior e máster, tomará a saída ao mediodía e terá un itinerario como é habitual de 13,3 quilómetros.
A proba terá unha única clasificación conxunta para cada categoría, salvo a sub 6 e sub 8 qe non son competitivas. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo. Os escolares que crucen a liña de meta percibirán, ademais, unha medalla. Terán trofeo así mesmo os tres primeiros clasificados de cada categoría en competición cun trofeo especial de Pascua na proba absoluta, os tres primeiros equipos clasificados, o primeiro corredor e corredora local da proba absoluta, o participante de máis idade (trofeo supermáster) e o club con máis corredores que finalicen a proba (trofeo participación).
Haberá servizo de duchas nos pavillóns municipais, de gardarroupa e avituallamento intermedio e na liña de meta.
Pódese consultar as bases e formalizar a inscrición premendo na ligazón.