-
A obra recolle a historia da vila a través de fotografías
-
Dende o Concello convídase ás persoas a compartir material co obxectivo de elaborar unha segunda edición
A veciñanza de Padrón xa poder adquirir o libro ‘Padrón na lembranza' editado polo Concello coas fotos que cedeu José Ángel Rey Castro, presidente da asociación cultural Villa Petroni.
Os exemplares desta obra que recolle a historia da vila a través de fotografías está a disposición de todas as persoas interesadas. O libro pode recollerse na oficina de Turismo de luns a venres de 10.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 19.00 horas.
Estas 319 páxinas son resultado dun arduo labor de busca e recompilación de planos, gravados, postais e estampas antigas de Padrón nas que se fai un percorrido histórico a través da arquitectura, incluíndo ademais os aspectos sociais e culturais de Padrón en cada un dos períodos.
O libro amosa os diferentes cambios que sufriu a vila rosaliana co paso do tempo e serve de memoria gráfica do amplo patrimonio cultural, das festas, dos costumes e das tradicións, nalgúns casos xa perdidas.
A veciñanza poderá gozar nas súas casas do libro ‘Padrón na lembranza’ totalmente de balde, ao tempo que dende o Concello convidan a participar na segunda edición. Deste xeito, todas as persoas que desexen aportar material poden facelo na oficina de Turismo. A recompilación de novas fotografías servirá para continuar a documentar a historia da vila nun libro para o recordo.