Haberá espectáculos de lume o sábado e o domingo, actividades para a cativada e xogos populares para todas as idades ||
O alcalde e a concelleira de festexos presentaron o cartel da décimo sétima edición ||
Postos de artesanía, obradoiros de oficios para todas as idades, moita música e un espectáculo de lume, son algúns dos atractivos da Feira Medieval que encherá de cor as rúas de Padrón o primeiro fin de semana de xullo. Dende as sete da tarde do venres día 5 ata a medianoite do domingo 7, a capital do Sar volverá ao medievo cunha variada oferta que pretende dinamizar o turismo no municipio.
O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Festexos, Chus Campos, presentaron este venres o cartel da Feira Medieval de Padrón. A décimo sétima edición comezará o venres 5 de xullo ás sete da tarde coa chegada dos artesáns dende todos os puntos cardinais e a apertura dos obradoiros, grazas aos cales persoas de todas as idades poderán coñecer oficios tradicionais relacionados coa madeira, a lá, a cantaría, o curtido de peles ou o tratamento de vidro.
Os espectáculos de lume da Cía Troula (sábado, 23.00 horas) e Andanadas (domingo, 22.30 h. praza de Macías) serán dous dos atractivos da presente edición da Feira Medieval, que contará tamén cos espectáculos musicais de Xoán Curiel Treides conmigo (venres, 20.00 h. no atrio do convento do Carme), e a de Suso Martíns e Manoele de Felisa Cativo da Minna Tristura (sábado, 19.00 h. na praza de Macías).
O mercado estará aberto de 19.00 a 00.00 o venres, día 5; de 11.00 ata a 1.00 horas do sábado, e de 11.00 a 00.00 o domingo 7 de xullo. O domingo pola tarde entregaranse trofeos aos locais mellor engalanados da Feira Medieval.