-
A actuación incluíu a retirada de residuos, a poda de vexetación excesiva e a reparación de camiños e sinalizacións
-
Esta senda, de 15 quilómetros, comeza e remata no paseo do Espolón e inclúe diferentes puntos de interese dos municipios de Padrón, Dodro e Rois
O Concello de Padrón vén de realizar traballos exhaustivos de limpeza e acondicionamento na ruta de sendeirismo Rosalía nos camiños para que veciños e visitantes poidan gozar do seu percorrido durante o verán.
A actuación incluíu a retirada de residuos, a poda de vexetación excesiva e a reparación de camiños e sinalizacións. Ademais, realizouse a mellora das áreas de descanso e recreo. Estas tarefas foron executadas co obxectivo de garantir a seguridade e o confort dos sendeiristas, ademais de preservar a beleza natural e o valor histórico da ruta.
Esta senda, de 15 quilómetros, comeza e remata no paseo do Espolón de Padrón e atravesa os concellos de Dodro, Padrón e Rois, percorrendo paraxes mencionados no poemario ‘En las orillas del Sar’. Trátase dunha experiencia única que combina natureza, historia e cultura.
No Concello de Padrón, a ruta inclúe puntos de interese de gran relevancia como a estatua de Rosalía de Castro no paseo do Espolón, desde onde se pode contemplar a ponte sobre o río Sar, o convento do Carme e a Praza de Abastos de Padrón. Ademais, inclúese o Santiaguiño do Monte, unha área de recreo con zonas acondicionadas con mesas, grellas, fontes e un parque infantil, ideal para gozar en familia e con amizades.
O sendeiro tamén percorre Lamas e o Muiño da Maquia, onde un camiño cuberto pola vexetación de ribeira avanza xunto ao río, sinalando a proximidade do antigo Muiño da Maquia, unha estrutura abandonada pero que conserva a pedra na que se moía o gran ata hai pouco tempo. A ruta pasa pola Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia, unha das igrexas máis antigas de Galicia e considerada o primeiro templo mariano do mundo. Así mesmo, inclúe o cemiterio de Adina, que alberga dous cruceiros e catro oliveiras centenarias do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e onde se atopa a sepultura de Camilo José Cela. Outro punto destacado é a Casa Museo Rosalía de Castro, unha referencia emblemática da cultura galega, que garda a memoria da escritora universal. Finalmente, a ruta pasa pola casa na rúa Sol, onde Rosalía viviu durante a súa infancia, un lugar de gran valor cultural e patrimonial.
Con estas obras de acondicionamento, o goberno local de Padrón fai un novo esforzo na preservación dos seus paraxes naturais e da súa rica herdanza patrimonial. Con estes traballos asegúrase que a ruta “Rosalía nos camiños” se manteña en óptimas condicións para o gozo de todos os visitantes, polo que dende o Concello convídase a todas as persoas a percorrer e gozar desta ruta, que non só ofrece beleza natural e tranquilidade, senón tamén unha conexión profunda coa historia e a cultura da nosa terra.
Para coñecer máis sobre esta ruta preme neste enlace de Wikiloc: https://acortar.link/y9I7PZ