-->

Milleiros de persoas participan na romaría do Santiaguiño de Monte

Antonio Cajaraville e Juan Villamor levan 27 anos subindo ao santo ata a monte San Gregorio, xunto con Carlos e Uxío Beirón, que xa acumulan 14 anos de experiencia  ||  

O concello reparte un sombreiro conmemorativo e máis de mil racións de sardiñas con bolos preñados, cachelos e pan de millo  ||  

A procesión polas rúas do pobo e o ‘baile’ dos santos sorprende a turistas e peregrinos  ||  

Os actos estiveron presididos polo alcalde, Anxo Arca, e todo o equipo de goberno padronés  ||  

20240725 Padron romaria Santiaguinho do Monte 4

“Eu quero levar esta procesión ao meu pobo de Xaén”, díxolles os porteadores unha peregrina que esta mañá seguiu a procesión do Santiaguiño polas rúas do casco histórico e que se sorprendeu por como se bailan aos santos en Padrón. O percorrido pola vila foi o primeiro acto do día grande das festas do Santiaguiño, que este ano volveron xuntar a milleiros de persoas na tradicional romaría do monte San Gregorio.

Como xa ven sendo habitual dende 1997, Antonio Cajaraville e Juan Villamor foron dous dos mozos que levaron a ombreiros a imaxe de Santiago Apóstolo, acompañados polos irmáns Carlos e Uxío Beiró, que xa acumulan 14 anos de experiencia subindo ao santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte. 

Antes, no percorrido polo casco histórico, a imaxe de Santiago Apóstol estivo acompañada na procesión por San Antón (un dos mais bailadores do grupo) e Santa Lucía, que saíron da igrexa parroquial. Desta comitiva tamén formaron parte, San Xoán do Raio e San Martín (portadas por mozos), Santa Bárbara (levárona catro mozas) e o Neno Xesús, do que se encargaron un grupo de nenos e nenas. 

Neste percorrido, os santos non deixaron de bailar ao ritmo que lle marcaban os seus porteadores e os grupos de gaitas que os acompañaban, sorprendendo a turistas e visitantes, que non coñecen esta tradición padronesa.

O alcalde, Anxo Arca, e todo o goberno padronés estiveron presidindo tanto a procesión como a subida ao monte do Santiaguiño. Pouco despois da unha, Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron de xeito gratuíto un sombreiro conmemorativo e as racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, asáronse 350 quilos de sardiñas, e repartíronse máis de mil racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.

Tras a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa, comezou a romaría, na que familiares e grupos de amigos compartiron un xantar popular nalgunhas das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas e mesas que cada quen preparou para compartir un día de festa.

Durante toda a tarde, a romaría do Santiaguiño estivo amenizada pola música popular que interpretaron os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira, Xoldra (que xa participaran na procesión e subida do santo ata o monte) e a Banda de Gaitas de Gondomar. A cativada tamén puido gozar de moitos xogos e sorpresa durante a tarde. 

As sete, Antonio Cajaraville, Juan Villamor, Carlos e Uxío Beirón volvían baixar o Santiaguiño ata a igrexa parroquial, onde permanecerá outro ano máis, ata a vindeira edición das Festas do Santiaguiño do Monte.

Album de fotos na páxina de Facebook do Concello de Padrón (neste enlace).

20240725 Padron romaria Santiaguinho do Monte 11

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…