-
A campaña #titesachave seguirá repartindo a chave para abrir o colector, un caldeiro aireado e bolsas compostables //
-
Máis de 200 persoas e 38 establecementos padroneses apostan xa por separar os seus residuos orgánicos na zona urbana //
Un total de 207 persoas e 38 establecementos sumáronse xa á campaña #titesachave que o Concello de Padrón está levando a cabo dende o pasado xuño para fomentar a utilización do contedor marrón de residuos orgánicos na zona urbana. Durante o mes de agosto, o punto informativo instalarase en Padrón todos os mércores pola mañá.
A carpa de #titesachave volveu a Padrón este mércores, 31 de xullo, para seguir repartindo entre a veciñanza a chave que se precisa para abrir o contedor marrón. Ademais, as persoas interesadas en empregar o novo colector reciben un paquete de benvida que inclúe un caldeiro aireado de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo para facer un bo uso do colector.
A campaña continuará durante o mes de agosto, coa instalación do punto informativo todos os mércores pola mañá, de 10.30 a 13.30 horas, en distintos lugares:
- Mércores 7 de agosto, na praza do Cruceiro de Porto Fondo da Vila (fronte ao bar Casa do Patín)
- Mércores 14 de agosto, na praza Manuel Rodríguez Cobián
- Mércores 21 de agosto, na rúa Tetuán (xunto á Policía Local)
- Mércores 28 de agosto, no Paseo do Espolón (xunto ao monumento de Camilo José Cela)
O colector marrón, que podemos atopar nas rúas da zona urbana de Padrón, ten como fin exclusivo a recollida de residuos orgánicos. Bótanse nel restos de froita, verdura, carne ou peixe; conchas de marisco e froitos secos; restos de pan, café, infusións e papel de cociña; e restos de plantas e cortizas.
Cos restos depositados no contedor marrón pode facerse compost, que pode ser utilizado como fertilizante e mesmo como xerador de enerxía.
O plan de residuos do Concello de Padrón fomenta tamén a reciclaxe dos residuos orgánicos na zona rural coa repartición de composteiros, que se poden solicitar sen custo algún escribindo ao mail Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando por teléfono no número 981 810 451.