-
A 49ª edición dunha das maiores festas gastronómicas de Galicia repartiu 1500 kilos e máis de 3500 racións
-
Milleiros de persoas gozaron dunha xornada que contou con desfile agrícola, pasarrúas e música tradicional
-
0 alcalde de Padrón, Anxo Arca, entregou os premios aos mellores tractores engalanados xunto ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ao empresario Andrés Quintá e ao pregoeiro deste ano, o co-edirector da revista La Alacena Roja Alberto Félix Traversa
Este sábado 3 de agosto, a parroquia de Herbón viviu unha xornada inesquecible coa celebración da XLIV Festa do Pemento de Herbón. Este evento, consolidado como unha das maiores festas gastronómicas de Galicia, converteuse de novo nun auténtico tributo ao pemento de Herbón, un produto que ten un lugar especial nas mesas de todos os galegos pero que tamén ocupa un lugar especial na gastronomía nacional e internacional.
Desde primeira hora da mañá, Herbón estivo repleta de vida e cor grazas ao pasarrúas que animaron os gaiteros de Os Mersenarios e a charanga Noroeste. A música e as gañas de troula entre a veciñanza e os visitantes formaron un escenario perfecto para unha celebración sempre especial.
A misa campestre, celebrada ás 10:30 horas, deu paso a un momento solemne e simbólico coa bendición e a inauguración oficial da festa ás 11:00 horas. O desfile dos tractores engalanados, que comezou ás 11:30 horas, transformou as rúas de Padrón nun mar de cores e risas, cun récord de ata 30 vehículos agrícolas participando na procesión. O alcalde, Anxo Arca, recibiu con alegría no Concello a tradicional cesta de pementos xunto ás concelleiras Mariló Saco, Ana Castro e Laura Horta, antes de que a emotiva realizase a ofrenda floral á estatua da pementeira.
O punto culminante da xornada chegou ás 13:30 horas coa intervención de Alberto Félix Traversa Correa, co-edirector da revista especializada La Alacena Roja quen, co seu pregón, capturou a esencia e a importancia dos pementos de Herbón. Ademais de desvelar que unha figuriña dun pemento o acompaña sempre nas súas viaxes en coche, resaltou non só o valor gastronómico senón tamén o papel fundamental deste produto no patrimonio cultural galego. A entrega de premios aos tractores participantes, presentada por Héctor Bermúdez de Radio Valga, engadíu un toque de recoñecemento e celebración ao evento. Esta vez o número 13 deu sorte e os encargados de adornar o vehículo con este dorsal estouparon de alegría ao coñecer que foran os gañadores deste ano. Anxo Arca, xunto ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ao empresario Andrés Quintá e ao pregoeiro deste ano foron os encargados de entregar os trofeos.
A degustación de pementos foi un auténtico festín para os sentidos. Con 1.500 quilos de pementos distribuídos en aproximadamente 3.500 racións, os asistentes tiveron a oportunidade de saborear este produto único acompañado de cachelos e broa. O prato de barro conmemorativo converteuse tamén nun recordo desta celebración.
Durante a tarde, a festa continuou cunha animada romaría a cargo de novo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga Noroeste, co que se mantivo o espírito festivo vivo até ben entrada a noite.
A XLIV Festa do Pemento de Herbón foi un ano máis unha verdadeira mostra de amor á tradición, á cultura e á comunidade grazas a participación de todos os asistentes e ao apoio incondicional dos voluntarios e colaboradores que fixeron posible esta xornada memorable.