O actor santiagués recibiu a distinción nun acto celebrado no Auditorio Municipal e que incluíu a representación da súa obra ‘O deus do pop’ ||
O alcalde Anxo Arca destacou “o talento, a traxectoria e o papel como embaixador da cultura galega” de Anido, ao tempo que resaltou a “innovación no teatro de obxectos e físicos” que caracteriza a obra do compostelán ||
Diego Anido: “Nunha das miñas visitas a Casa Rosalía como estudante, Maruxa Villanueva tocoume o ombreiro. Pregúntome se llo tocaría a todos os que gañaron este premio” ||
O Concello de Padrón celebrou este sábado 2 de novembro a 23ª edición do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, distinguindo ao actor compostelán Diego Anido pola súa ampla traxectoria e o seu traballo innovador no teatro galego. O acto, que tivo lugar no auditorio municipal de Padrón, coincidiu coa representación da súa obra O deus do pop, unha peza que mestura linguaxes escénicas e que tivo unha gran repercusión entre o público e a crítica.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiu a entrega do galardón, que recoñece en Anido un exemplo de audacia e compromiso artístico. “É un honor estar aquí hoxe para celebrar a vixésimo terceira edición do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva que este ano recae en Diego Anido. Felicitámolo polo seu talento, pola súa traxectoria e polo seu papel como embaixador da cultura galega”, sinalou Arca, quen destacou a “innovación no teatro de obxectos e físico” que caracteriza a obra do compostelán. O alcalde subliñou tamén a aposta do Concello de Padrón pola cultura e polo apoio ao sector teatral galego, destacando que esta tradición contribúe a manter vivo o legado de figuras como Maruxa Villanueva e Rosalía de Castro.
O xurado, composto por recoñecidos profesionais do ámbito teatral e cultural, valorou a carreira de Diego Anido, quen se converteu nun referente do teatro contemporáneo en Galicia. Con obras como O deus do pop, o actor interpreta pero tamén explora e innova. O seu nomeamento aos Premios Goya en 2022 por As bestas e o Premio Mestre Mateo polo seu papel en Malencolía reflicten a calidade e versatilidade que definen o seu traballo.
Diego Anido recibiu o premio dotado con 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto de Maruxa Villanueva. O galardoado amosou a súa gratitude ao Concello de Padrón e ao xurado, destacando a importancia do premio como recoñecemento ao teatro galego e ás novas formas de expresión artística.
O galardoado lembrou a súa época de estudante, durante a cal visitou en varias ocasións a Casa de Rosalía en Padrón. “Alí coñecina a ela, Maruxa Villanueva. Unha vez tocoume no ombreiro, e pregúntome se llo tocaría a todos os que gañaron este premio”, dixo Diego Animo mirando ao busto de actriz que da nome a este premio.
Con este galardón, o goberno local reafirma o seu compromiso co sector cultural e co teatro galego, integrando este acto no programa de Outono Cultural 2024, que seguirá ofrecendo á cidadanía unha ampla programación de eventos artísticos e culturais.