-
O desfile, que se celebra o sábado 8 de marzo ás 17:00 horas, completará o seu percorrido tradicional
-
A inscrición estará aberta ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas
-
Na categoría de comparsas/grupos de máis de 20 membros a contía do galardón pasa a ser de 1.200 euros para o primeiro clasificado, 800 euros para o segundo e 600 euros para o terceiro
O Concello de Padrón organiza unha nova edición do concurso de disfraces, carrozas e comparsas con motivo do Entroido 2025 que se celebrará o sábado 8 de marzo, coincidindo co sábado de piñata. Este ano, a dotación económica do certame incrementouse en 600 euros, acadando un total de 6.010 euros en premios, fronte aos 5.410 euros da pasada edición.
A participación está aberta a seis categorías diferentes: individual infantil (de 0 a 14 anos), individual adulto (maiores de 14), parella, comparsa/grupo de ata 20 membros, comparsa/grupo de máis de 20 membros e comparsa/grupo local de máis de 10 membros. Ao igual que en anteriores edicións, os menores de idade que concursen deberán estar acompañados por unha persoa adulta durante todo o percorrido.
Maior contía en premios.
O aumento na dotación económica céntrase na categoría de comparsas/grupos de máis de 20 membros, na que os premios pasan a ser de 1.200 euros para o primeiro clasificado, 800 euros para o segundo e 600 euros para o terceiro, incrementando en 600 euros a contía total respecto ao 2024. As comparsas maiores de 10 membros do Concello de Padrón (que o 60% dos/das participantes estean empadroados neste concello) percibirán unha gratificación de 100 € mentres que as asociacións e centros educativos do municipio que participen neste concurso como comparsa/grupo percibirán unha gratificación de 200 €. Nas categorías individuais, os premios oscilarán entre 30 e 120 euros.
O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 6 de marzo ás 14:00 horas e poderá realizarse de forma presencial nas oficinas do Centro Social do Concello de Padrón ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., sendo imprescindible recibir confirmación da Concellaría de Festexos para que a inscrición sexa válida.
O xurado estará presidido pola concelleira de Festexos, Chus Campos, e estará formada por un mínimo de catro e un máximo de seis vogais, ademais dunha persoa da Concellería de Cultura que exercerá como secretaria con voz pero sen voto. Entre os criterios de valoración, teranse en conta a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e a posta en escena durante o desfile. A resolución do xurado farase pública no taboleiro de anuncios do Centro Social e será inapelable.
Percorrido e normativa
O percorrido do desfile manterase sen cambios respecto a anos anteriores. As persoas participantes deberán estar ás 15:30 horas na N-550, á altura da Pensión Restaurante Bar Grilo, para a entrega e colocación dos dorsais. O desfile dará comezo ás 17:00 horas e transcorrerá pola Avenida de Compostela ata a zona das Lágrimas, desviándose cara á Rúa Porta Fondo de Vila e finalizando no Campo do Souto.
O Concello lembra que non se permitirá o consumo de alcohol ou drogas durante o desfile, nin a participación baixo os seus efectos. Así mesmo, a organización resérvase o dereito de descualificación en caso de incumprimento das bases, incluíndo actitudes contrarias á igualdade de xénero ou que inciten á discriminación.
A participación no concurso implica a aceptación das bases e a autorización para a difusión de imaxes dos participantes con fins promocionais.
As bases e as follas de inscrición pódense consultarse nos seguintes enlaces:
- Bases do concurso-desfile de Entroido de Padrón 2025 (PDF)
- Folla de inscrición comparsas ou grupo Entroido Padrón 2025 (PDF)
- Folla de inscrición individual (infantil e adulto) e parella Entroido de Padrón 2025 (PDF)
Galego
Español 



