Completaron o podio Sofía Freaza, Nati García, Jorge Puig e Mehdi Elnabaoui ||
Na 5K os gañadores foron Xoana Rodil, Isabel Soutullo e Inés Papín; Iván Puentes, Antonio Teijido e Brais García ||
Lassana Troure e Thierno Sacko, dous dos inmigrantes do centro de acollida de Padrón, participaron na proba ||
Público e participantes puideron degustar saborosos petiscos na foodtrack de Galicia Sabe Amar ||

Uxía Pérez e David de la Fuente foron os gañadores absolutos da Padrón 10K, unha proba na que participaron os dous como preparación para o Campionato de España no que competirán proximamente. Esta XXII edición da carreira contou gran acollida por parte de atletas e afeccionados ao deporte, consolidándose como unha das probas de referencia no calendario atlético galego. Con máis de 1.300 atletas participantes -incluídos dous dos inmigrantes que están no centro de acollida de Padrón-, a cita reuniu corredores de todas as idades e niveis, que percorreron as distintas distancias habilitadas para cada categoría.
Na proba absoluta Uxía Pérez (36:12) sacoulle máis dun minuto á segunda clasificada, Sofía Freaza (37:43) e á terceira, Nati García Sánchez (37:50). Na categoría masculina o podio estivo máis igualado, cuns segundos de diferenza entre David de la Fuente (31:16), Jorge Puig (31:18) e Mehdi Elnabaoui (31:25).
A anécdota da proba absoluta protagonizárona Lassana Troure (dorsal 354) e Thierno Sacko (co 596), dous dos inmigrantes que están no centro de acollida de Padrón. Ámbolos dous decidiron correr 10K na súa primeira participación nunha carreira, na que estiveron arroupados polos compañeiros e polo director do centro.
Xoana Rodil (19:42) foi a gañadora na proba dos 5 quilómetros, por diante de Ana Isabel Soutullo (19:47) e Inés Papín (20:08). Na categoría masculina impúxose Iván Puentes (15:21), por diante de Antonio Teijido (15:36) e Brais Gracía (15:56).
Martina López Gestal e Martín Lestido Rey levaron o premio como mellores atletas locais. Na clasificación por equipos gañou o Club Atletismo Sar, que tamén foi o equipo con maior número de atletas, seguido do C.A. Cambados e do C.A. Tambre. Consulta as clasificacións neste enlace.
O evento deportivo arrancou ás 16:00 horas coas probas escolares, nas que participaron 415 nenos e nenas das diferentes franxas de idade, fomentando a práctica deportiva dende a infancia. A competición continuou ás 16:50 horas coa proba de 5K, que contou con 282 corredores maiores de 16 anos, mentres que o prato forte da xornada, a carreira de 10K, deu comezo ás 17:40 horas, reunindo a 614 participantes nun percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).
O alcalde, Anxo Arca; o concelleiro de Deportes, Luis Mariño; e a concelleira de Turismo, Chus Campos, estiveron na liña de saída das dúas probas e entregando medallas aos escolares nunha xornada na que o ambiente de festa deportiva reuniu a veciñanza e a visitantes de todas as idades na contorna do Campo do Souto. Na entrega de trofeos participaron os tres e a concelleira Laura Horta.

Unha xornada deportiva e gastronómica
A carreira desenvolveuse nun ambiente festivo e cunha notable presenza de público ao longo do percorrido. Ademais, os asistentes tiveron a oportunidade de gozar da iniciativa gastronómica #GaliciaSabeAMar, promovida pola Xunta de Galicia, na que se ofreceron degustacións de petiscos elaborados con produtos do mar galego.

Galego
Español 



