-
O alcalde Anxo Arca, acompañado da concelleira Laura Horta, deu a benvida á delegación e explicou aos mozos e mozas o funcionamento do Concello e a historia da vila
-
Trátase da terceira viaxe que persoas desta rexión nipoa realizan á vila rosaliana desde a firma do acordo de amizade entre ambas localidades
Padrón recibiu a visita dun grupo de estudantes xaponeses procedentes da prefectura de Wakayama, que chegaron ao municipio no marco do irmandamento entre Padrón e Shingu. Trátase da terceira viaxe que persoas desta rexión xaponesa realizan á vila rosaliana desde a firma do acordo de amizade entre ambas localidades.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado da concelleira Laura Horta, deu a benvida á delegación e explicou aos estudantes o funcionamento do Concello e a historia da vila. Durante o encontro, o alumnado leu un saúdo en agradecemento polo cálido recibimento e intercambiou impresións sobre a súa estancia en Padrón, así como curiosidades culturais entre Galicia e Xapón.
Este tipo de iniciativas permite afianzar os lazos culturais e educativos entre ambas comunidades, promovendo o coñecemento mutuo e o respecto pola diversidade. Desde o Concello de Padrón valórase moi positivamente esta experiencia, que contribúe a fortalecer a relación entre Padrón e Shingu.
Esta visita aliénase cos compromisos establecidos no protocolo de colaboración asinado polos alcaldes Anxo Arca e Michitoshi Takoa o pasado 13 de novembro. Este protocolo, que se centra na colaboración cultural e turística, fortalece os vínculos entre Padrón e Shingu, localizados en dous puntos distantes pero unidos por un gran valor común. Ambos municipios son parte das únicas dúas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco: o Camiño de Santiago e a Ruta Kumano Kodo, o que abre novas portas para a cooperación e o intercambio cultural.