-
O material facilitado pola AGASP mellorará a capacidade de resposta en situacións de emerxencia
O equipo de Protección Civil do Concello de Padrón recibiu un kit de ferramenta eléctrica entregado pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), no marco da Orde do 22 de xullo de 2024 da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Esta orde establece as bases para a adxudicación de subvencións a concellos de menos de 50.000 habitantes para a dotación de equipos de emerxencias.

O novo material mellorará a capacidade de resposta do equipo de Protección Civil en situacións de emerxencia, facilitando as intervencións en accidentes e outras circunstancias de risco.
A entrega contou coa presenza do alcalde Anxo Arca e da concelleira Ana Castro, quen destacan a importancia desta nova dotación para mellorar os recursos de Protección Civil, que segue a traballar para garantir unha resposta áxil e eficaz ante as necesidades da cidadanía.