-->

Noa Pérez gaña o Certame poético Rosalía de Castro que convoca o Concello de Padrón

  • A obra gañadora leva por título ‘Pequeno panteón politeísta’, presentada baixo o lema ‘Gato de Cheshire’

  • O xurado destacou a forza das imaxes, o humor e a xeografía sentimental dos poemas

  • O certame contou con 39 traballos presentados

 

A escritora viguesa Noa Pérez González foi a gañadora da undécima edición do Certame Poético Rosalía de Castro convocado polo Concello de Padrón. A súa obra Pequeno panteón politeísta, presentada baixo o lema Gato de Cheshire, foi elixida entre os 39 traballos presentados nesta edición.

O xurado destacou da obra gañadora “a forza de certas imaxes, o humor, a ironía coa que reflexiona sobre lembranzas da súa infancia e a frescura coa que aborda a súa xeografía sentimental”.

Noa Pérez recibirá un premio de 1.500 euros e a publicación da obra na colección Poesía Rosalía de Castro que edita o Concello de Padrón.

Licenciada en Filoloxía Galega, Filoloxía Románica e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, Noa Pérez é profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario. Ten publicadas dúas novelas: O ocaso da familia Portela (2015) e A pedra de ámbar gris (2021).

Aínda que ata agora se ten centrado na narrativa, a autora leva arredor dun ano escribindo poesía. “Comecei a escribir poemas como un xogo comigo mesma. Reflexionaba sobre o que somos, como nos construímos e en que momentos... A partir diso foron xurdindo poemas que acabaron por tomar forma de libro. Cando o rematei, pregunteime que facer con el e decidín presentalo ao certame de Padrón, principalmente pola proximidade a Santiago, que é onde vivo, e porque durante un ano impartín clase de galego no IES Camilo José Cela”, explicou a gañadora.

Engade que este libro foi para ela “un reto persoal por tentar transformar en poesía certos acontecementos da infancia, capturar instantes do pasado”. “Preguntábame ademais se poderían conectar con outras persoas, incluso con quen non viviu nos anos 70 ou 80. Supoño que este premio confirma que si, que hai algo común a todas as infancias”, subliña.

O xurado deste XI Certame poético Rosalía de Castro reuniuse esta mañá na casa consistorial de Padrón, presidido polo alcalde, Anxo Arca. Forman parte do mesmo Anxo Angueira, profesor titular da área de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega; Manuel Lorenzo Baleirón, escritor e mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta e graduada social; Inés Mosquera Calvo, tradutora, intérprete e escritora, e Rita Bugallo González, escritora e profesora de educación secundaria de Lingua galega e literatura. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón Beatriz Lorenzo Vázquez.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…