-
A Igrexa de Santiago acolleu a tradicional conmemoración, que reuniu veciñanza e persoas visitantes arredor dun dos sinais de identidade máis recoñecibles da vila ||
-
O deán da Catedral de Santiago, Manuel Jesús Formoso, oficiou a misa solemne coa participación da Coral Polifónica Padronesa ||
-
A Banda Municipal de Padrón ofreceu un concerto de Nadal e permitiuse o acceso á cámara do Pedrón, peza clave da tradición xacobea ||

O Concello de Padrón celebrou na tarde deste martes a Conmemoración da Traslatio do Apóstolo Santiago, un dos episodios máis emblemáticos da tradición xacobea, que lembra a chegada por mar dos restos do Apóstolo ao antigo porto de Iria Flavia. A cerimonia tivo lugar na Igrexa de Santiago e reuniu a numerosa veciñanza e persoas visitantes nun acto cargado de simbolismo, historia e sentimento colectivo.
O acto deu comezo cunha misa solemne, oficiada polo deán da Catedral de Santiago, Manuel Jesús Formoso, acompañada pola interpretación da Coral Polifónica Padronesa, que puxo música a unha celebración fondamente arraigada no sentir padronés.

Durante a súa intervención, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, puxo en valor o papel central da vila no relato xacobeo, lembrando que “Padrón ocupa un lugar fundamental na tradición xacobea, como punto no que, segundo a tradición, chegou o corpo do Apóstolo Santiago tras a súa decapitación en Xerusalén”. O rexedor subliñou que a Traslatio “é un fito esencial non só na historia de Padrón, senón tamén do Occidente cristián”, destacando a continuidade desta conmemoración ao longo de vinte séculos.
Anxo Arca detívose especialmente no significado do Pedrón, a ara romana que se conserva baixo o retablo maior da igrexa, lembrando que “ao Pedrón amarrouse a barca na que viaxaba o corpo do Apóstolo, vinculando para sempre a Padrón coa súa figura e mesmo dando, quizais, nome á nosa vila”. Neste senso, destacou que Padrón se erixe como “berce da tradición xacobea, recoñecido e visitado cada ano por milleiros de peregrinos e peregrinas, aos que recibimos con enorme hospitalidade”, tanto no Camiño Portugués como a través da Pedronía, título específico que cada ano segue a medrar en solicitudes.
O alcalde tamén puxo en valor o labor de conservación e mellora da Igrexa de Santiago, salientando o traballo do párroco, Roberto Martínez, peregrino de honra neste ano 2025, así como o apoio de particulares e institucións. Neste contexto, anunciou que o templo poderá contar proximamente coa restauración do retablo maior e coa instalación dun desfibrilador, converténdose nun espazo cardioprotexido.
Nunha parte máis reflexiva da súa intervención, Anxo Arca fixo un chamamento á paz e á solidariedade internacional, referíndose á situación en Palestina e á guerra en Ucraína, e pediu ao Apóstolo “que a intransixencia relixiosa e política non se impoña á liberdade, que os gobernantes saibamos dialogar e chegar a acordos e que nunca decaia o noso espírito solidario”. O rexedor reclamou tamén o fin da violencia machista, a dignificación dos colectivos máis desfavorecidos, a igualdade de oportunidades e o coidado das persoas maiores.
Vinculación con Polonia
A cerimonia contou coa presenza de representantes de diferentes colectivos, entre eles a Asociación Cultural Polonia en Galicia con Katarzyna Jablonska, á quen o alcalde agradeceu especialmente a súa participación, destacando o vínculo do pobo polaco cos Camiños de Santiago e con Padrón.
A conmemoración continuou cun concerto de cancións de Nadal a cargo da Banda Municipal de Padrón, ofrecendo un momento de encontro e convivencia arredor da música nestas datas tan sinaladas.
Con motivo desta xornada, permitiuse tamén o acceso á cámara na que se conserva o Pedrón, a ara romana que dá nome á vila e que constitúe unha das pezas patrimoniais máis relevantes da tradición xacobea, estreitamente vencellada á figura do Apóstolo Santiago.
A Traslatio representa cada ano unha oportunidade para reivindicar o papel histórico, cultural e espiritual de Padrón, consolidándose como berce dunha tradición que atravesou séculos e fronteiras e que continúa viva grazas á implicación da veciñanza e ao compromiso institucional coa preservación do seu legado.

Galego
Español 



