-->

O Concello de Padrón celebra o legado e a determinación das súas mulleres a través de ‘Rumorosas 2026’

  • A iniciativa, impulsada xunto ao CIM Terras de Iria, pon en valor a traxectoria de oito veciñas que son referentes en sectores como a ciencia, o deporte, a empresa ou o voluntariado

  • Nesta edición as protagonistas son Lola Paz, Amparo Acosta, Anabel Rivas, Carmen Osorio, Catalina Pereira, María Teresa López, Verónica Blanco Abad e Eneida León

 

O Concello de Padrón, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) Terras de Iria, conmemora o Día Internacional da Muller coa presentación de Rumorosas 2026. Esta iniciativa institucional busca visibilizar e recoñecer o papel fundamental de mulleres que, co seu esforzo diario e a súa excelencia profesional e humana, foron e son pezas clave no motor social e económico de Padrón.

Nesta nova edición, o proxecto pon o foco en perfís diversos que abranguen dende o comercio centenario e o compromiso social, ata a vangarda da investigación científica e o deporte. Todas elas comparten un fío común: a determinación de abrir camiños nunha sociedade que aínda traballa pola igualdade real. Son mulleres que constrúen comunidade, que educan en valores e que demostran que o talento non entende de xéneros.

As protagonistas de Rumorosas 2026

Lola Paz: mestra de primaria durante 38 anos, Lola dedicou a súa vida a educar dende o corazón. Tras xubilarse e logo de criar a cinco fillos, o seu compromiso non parou e hoxe é un piar fundamental no voluntariado de San Vicente de Paúl. Para Lola, a visibilidade debe ser constante: “O 8M debería celebrarse todo o ano, porque somos nós, as mulleres, as que levamos o peso da sociedade”.

Amparo Acosta: simboliza a forza feminina no sector industrial. Foi unha das primeiras mulleres en integrarse na Picusa, á que dedicou máis de catro décadas de compromiso e constancia. A súa vida reflicte responsabilidade e esforzo co traballo e coa familia: “Hai que traballar cada día para conseguir as cousas; a perseveranza e a dedicación son a mellor herdanza”.

Anabel Rivas: catedrática de Latín e Grego, formou a xeracións de alumnos e alumnas durante catro décadas cunha convicción firme: a educación é rigor, pero tamén é gozo. O seu legado non está só nos coñecementos transmitidos, senón na canteira de mozos e mozas que hoxe valoran a cultura, o pensamento crítico e o esforzo. Anabel lanza un aviso á mocidade neste 8M: “Creo que a xente máis nova está a baixar a garda. Debemos coidar e fortalecer, con responsabilidade, todo o que xa conseguimos”.

Carmen Osorio: á fronte da Tienda Mundial durante corenta anos, Carmen herdou e transmitiu a forza das mulleres da súa familia sempre dando exemplo de traballo, constancia e dignidade. Para ela, o futuro escríbese con unión: “Ás mulleres aínda nos queda moito camiño por percorrer, pero con respecto, forza e determinación, somos capaces de acadar todo o que nos propoñamos”.

Catalina Pereira: representa a forza dunha nova xeración de rapazas que medran co balón nos pés e os obxectivos ben claros. O seu talento e dedicación levárona en 2024 a proclamarse campioa galega coa selección comarcal de Santiago e agora a formar parte da Selección Galega sub-16. “Non debemos frear os nosos soños por ser mulleres. Hai moitos exemplos de referentes que xa demostraron co exemplo que se pode”.

María Teresa López: chegou a Padrón sendo moi nova e asumiu a responsabilidade de conservar e actualizar a histórica Joyería Escotti, fundada en 1865. Nun ámbito tradicionalmente masculino, destacou pola súa seriedade, calidade e confianza, mantendo vivo un negocio con máis de 160 anos de historia no corazón da vila. María Teresa apela á loita activa: “É fundamental que as novas xeracións non dean nada por feito e sigan pelexando por cada avance. Aínda queda moito por facer”.

Verónica Blanco Abad: bióloga e investigadora en biotecnoloxía na USC, defensora da educación sen estereotipos, do respecto, da honestidade e da sororidade, e comprometida en abrir camiños para novas xeracións de científicas: “Necesitamos referentes e unha cultura que visibilice o traballo das mulleres na ciencia. É preciso educar con actitude e sen prexuízos”.

Eneida León: TSAF e adestradora personal, que leva máis dunha década axudando a homes e mulleres a sentirse seguros e saudables, promovendo a disciplina, a constancia e o coidado persoal como claves para o benestar e o empoderamento. “O 8M é un momento para reivindicar os nosos dereitos e o esforzo que facemos para ocupar o mesmo lugar que os homes”, afirma.

Estas oito mulleres representan distintos ámbitos da vida social, cultural, deportiva, educativa e profesional en Padrón. Rumorosas 2026 pon en valor o seu labor, a súa dedicación e o seu compromiso coa igualdade, converténdoas en referentes e inspiración para novas xeracións de mulleres.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…