-->

Xa está aberto o prazo de inscrición para a XLV Carreira Popular de Pascua 2026

  • A proba celebrarase o sábado 4 de abril con saída dende a praza de Macías a partir das 10.30 horas

  • O prazo para anotarse remata o mércores 1 de abril ás 23.59 horas

  • A inscrición é de balde nas categorías escolares e de 7 euros na proba absoluta

CARTEL 45 CARREIRA PASCUA 2026 page 0001

O Concello de Padrón abriu o prazo de inscrición para participar na XLV Carreira Popular de Pascua, que se celebrará o sábado 4 de abril e que volverá converter a vila nun punto de encontro para centos de atletas de todas as idades.

A cita, xa plenamente consolidada no calendario deportivo galego e incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, mantén como escenario de saída e chegada a praza de Macías. As probas comezarán ás 10.30 horas e prolongaranse ata o peche de meta, previsto para as 13.30 horas.

A inscrición poderá formalizarse ata o mércores 1 de abril ás 23.59 horas a través da páxina web www.deporticket.com Non se admitirán inscricións fóra de prazo.

Categorías e distancias

A carreira está aberta a atletas federados e non federados, cunha única clasificación conxunta agás nas categorías sub 6 e sub 8, que teñen carácter non competitivo.

As distancias oscilarán entre os 80 metros da categoría sub 6 e os 13,3 quilómetros da proba absoluta, que engloba as categorías sub 20, sub 23, sénior e máster.

O programa horario será o seguinte:

  • 30 h: Sub 6 (80 m aprox.)
  • 40 h: Sub 8 (425 m aprox.)
  • 50 h: Sub 10 (625 m aprox.)
  • 05 h: Sub 12 (625 m aprox.)
  • 15 h: Sub 14 (2 km aprox.)
  • 30 h: Sub 16 e Sub 18 (3,5 km aprox.)
  • 00 h: Sub 20, Sub 23, Sénior e Máster (13,3 km aprox.)

A participación será gratuíta para todas as categorías escolares ata sub 18. Na proba absoluta, o custo da inscrición é de 7 euros.

Todos os escolares recibirán unha medalla ao cruzar a liña de meta, mentres que haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría competitiva. A proba absoluta contará ademais cun Trofeo Especial de Pascua para os tres primeiros clasificados.

Tamén se entregarán premios aos tres primeiros equipos clasificados, ao primeiro corredor e corredora local da proba absoluta, ao club con maior número de atletas que finalicen a carreira (Trofeo Participación) e ao participante de maior idade que complete o percorrido (Trofeo Supermáster). Todos os inscritos recibirán un agasallo conmemorativo.

Servizos para os participantes

A organización habilitará recollida de dorsais no Paseo do Espolón a partir das 9.30 horas o mesmo día da carreira. Ademais haberá servizo de gardarroupa, cronometraxe por chip, sinalización quilométrica, avituallamento intermedio e en meta, duchas nos pavillóns municipais do Grupo Escolar e do Souto, servizo médico e ambulancia, así como seguro de accidentes e responsabilidade civil.

O Concello de Padrón anima a veciñanza e aos corredores e corredoras de toda Galicia a participar nunha cita que cada ano combina deporte, convivencia e tradición, consolidándose como unha das probas populares máis emblemáticas da comarca.

 

Consulta os percorridos da proba

percorridos pascua  absoluta e escolares web

percorridos pascua  absoluta e escolares page 0002

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…