- A moza de Estramundi representa os cabaliños de Hernaiz, “como forma de volver á memoria colectiva e tamén á propia”
- O alcalde e a concelleira de Festexos presentan o cartel dunhas festas que abren a temporada das grandes celebracións galegas
- París de Noia, Panorama, La Fórmula e Olympus lideran o cartel de actuacións, xunto coas orquestras locais Unión y Fuerza e Charleston
- Os concertos do muradán 9Louro, Nueva Línea, Assia e DJ Matrek Show son os pratos fortes da programación musical
- A Feira Cabalar, o Festival de Bandas e as actuacións dos grupos folclóricos locais completan un programa para todos os públicos
Un nome propio feminino destaca este ano na Pascua de Padrón, que se celebra do 27 de marzo ao 12 de abril. Ángela Ríos Martínez, avogada de Estramundi de 24 anos, é a primeira muller que deseña o cartel anunciador dunha das festas máis senlleiras de Galicia e que contarán cun amplo e intenso programa de actos pensado para todos os públicos.
Os cabaliños de Padrón, o tradicional carrusel que forma parte dos recordos da infancia de toda a comarca, son este ano protagonistas do cartel das Festas de Pascua. Ángela Ríos asegura que esta imaxe “é unha forma de volver á memoria colectiva e tamén á miña propia infancia, véndome reflectida eu mesma no cadro”, asegura. Con esta obra, na que traballou durante quince días, Ángela Ríos quere, tamén, “renderlle unha homenaxe á familia Hernaiz”.
A elección desta moza de Extramundi, graduada en Dereito e que cursou un máster en Sevilla para dedicarse profesionalmente á pintura, non é casual. Coa súa escolla, o goberno que preside Anxo Arca reafirma a súa aposta polo talento local e por darlle unha oportunidade ás figuras emerxentes da comarca.
Anxo Arca, acompañado pola concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron o cartel das festas e un amplo programa que inclúe actuacións para todos os públicos. O concerto de 9Louro será un dos atractivos da programación. Este mozo muradán de 22 anos é un dos referentes da música urbana galega e actuará o na praza de Macías o domingo de Pascua (22.00 horas), nunha velada que rematará co espectáculo de DJ Matrek Show no paseo do Espolón, á unha da madrugada.
Nueva Línea, a orquestra canaria que xa escoitaron 40 millóns de persoas nas redes sociais, estará en Padrón o venres de Pascuilla (22.30) e o grupo Assia, o domingo de Pascuilla (23.00 horas).
Como vén sendo tradición, as festas da Pascua xuntarán en Padrón as principais orquestras galegas (Panorama, París de Noia, Olympus, Los Satélites ou La Fórmula) e tamén as agrupacións locais (Unión y Fuerza, Charleston, Dúo Máster e Grupo Atenas).
A música tradicional, coas actuacións dos grupos folclóricos locais, e a das bandas teñen cabida nun cartel que non se esquece da xuventude, coas actuacións dos DJ que programa Open Air.
A Feira Cabalar do domingo de Pascua e a de maquinaria agrícola serán outros dos atractivos para visitar Padrón esta Semana Santa.
As festas rematarán o domingo de Pascuilla coa tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, co Festival de Bandas Capital do Sar e cunha cita deportiva de primeiro nivel, a Clásica de Pascua, que este ano acada categoría internacional. A proba ciclista trasládase ao Campus Tecnolóxico Cortizo, onde estará situada a saída e a liña de meta, dende o que máis de 150 corredores dos principais equipos farán un percorrido similar ao da Vuelta a España.

Galego
Español 



