-->

Padrón pecha unhas multitudinarias Festas de Pascua cunha masiva afluencia de público

  • A vila seguiu ateigada de xente e do mellor ambiente festivo durante o sábado e o domingo de Pascuilla

  • A orquestra canaria Nueva Línea encheu o venres paseo do Espolón, e os grupos folclóricos locais e o Festival de Bandas ateigaron na fin de semana a praza de Macías

  • O deporte tamén foi protagonista coa celebración dunha edición moi especial da Clásica de Pascua, que gañou Mats Wencel

  • O alcalde, Anxo Arca, celebra que a Pascua 2026 “confirma que Padrón é quen de organizar eventos de gran nivel á altura das cidades, e entre todos fixemos posible unhas festas históricas”

 

O Concello de Padrón baixou o pano das Festas de Pascua 2026 este domingo de Pascuilla cun balance moi positivo tras unha fin de semana de masiva afluencia, na liña das xornadas precedentes, nas que a vila estivo ateigada de xente. A combinación dunha ambiciosa e completa programación e do bo tempo que acompañou permitiu acadar este ano cifras récord de asistencia, consolidando esta celebración como unha das citas festivas máis destacadas de Galicia.

O alcalde, Anxo Arca, destacou que esta exitosa edición “confirma que Padrón é quen de organizar eventos de gran nivel á altura das cidades, cun programa pensado para todos os públicos e cunha resposta cidadá excepcional”. “Foron unhas festas seguras, participativas e cun impacto moi positivo para a economía local”, engadiu o rexedor, que agradece o traballo de todos os servizos municipais, das asociacións e da veciñanza, “porque entre todos fixemos posible unhas festas históricas”. O alcalde adianta a vontade do goberno local de seguir traballando e ter en  conta aqueles aspectos que poidan contribuír a mellorar as Festas de Pascua en vindeiras edicións.

20260405 Padron Pascua 9Louro 23

Un dos grandes atractivos desta edición foi a actuación da orquestra canaria Nueva Línea, que encheu o paseo do Espolón na noite do venres, un éxito que se sumou ao vivido a fin de semana de Pascua cos concertos de 9Louro e a Panorama. Pola súa banda, os tradicionais fogos artificiais de Pascua volveron congregar o sábado a numeroso público, converténdose nun dos momentos máis agardados das festas.

20260411 Padron Pascua Xigantes Cabezudos 16

O ambiente festivo mantívose durante toda a fin de semana coa presenza dos Xigantes e Cabezudos, que volveron animar as rúas e fixeron gozar a veciñanza e visitantes, e co protagonismo dos grupos folclóricos locais, que ofreceron actuacións moi aplaudidas nunha praza de Macías ateigada de público.

20260412 Padron Pascua grupos folcloricos Arreixeira 13

As agrupacións Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía e Arreixeira aproveitaron a Pascuilla para presentar as súas novas incorporacións nos grupos de baile e música, pequenas e pequenos que garanten o relevo xeracional da nosa tradición. Pola súa banda, O Pedrón rendeu unha emotiva homenaxe a Manuel Miramontes, Bartolo, o finado histórico profesor do grupo.

20260412 Padron Pascua Irmandade Fillos Amigos 15

O domingo celebrouse a 49 xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón, presidida polo alcalde. Neste acto entregáronse as insignias de ouro a Belén Xestal Ares, Sara Catrain González, Martina López Gestal, Enrique Basadre Rivas e Carlos Bandín Buján. Así mesmo, a empresa Ana Muñiz, fundadora de Confecciones Ana Muñiz SL, e a Coral Polifónica Val do Sar recibiron as placas de honra.

20260412 Padron Pascua Festival de Bandas 16

A música tivo tamén un papel destacado co Festival de Bandas, no que a Banda Municipal de Padrón exerceu de anfitrioa xunto coa Banda Artística de Merza e a de Castrelo-Cambados. As tres formacións ofreceron un espectáculo de gran nivel que reuniu nunha abarrotada praza de Macías a maior afluencia de público da última década.

Edición histórica da Clásica de Pascua

O deporte foi outro dos grandes protagonistas da fin de semana de despedida das festas, coa celebración dunha edición histórica da Clásica de Pascua, que este ano deu o salto ao calendario internacional da UCI e se integrou como segunda cita da Challenge Futura. O triunfo foi para o corredor do Kern Pharma Mats Wenzel, tras un apertado esprint fronte a Javier Cubillas (Movistar), sendo terceiro Jesús Herrada (Burgos). O corredor do Club Ciclista Padronés Cortizo Maksym Bilyi asinou unha destacada cuarta posición.

20260412 1 Padron Pascua ciclismo Clasica de Pascua 40

A proba destacou tanto polo seu alto nivel competitivo como polo extraordinario ambiente vivido nas instalacións do Campus Tecnolóxico Cortizo, convertidas unha vez máis no epicentro dunha gran festa do ciclismo.

O alcalde de Padrón participou na saída oficial e na entrega de premios xunto a membros da corporación municipal, e destacou o papel da proba: “A Clásica de Pascua é un orgullo para Padron, o Club Ciclista Padronés é un orgullo para Padrón, e esta é unha cita que se consolida agora aínda máis con este novo impulso grazas á Federación”, destacou Anxo Arca.  O rexedor lembrou que “en poucos días acolleremos O Gran Camiño e remataremos este ano coa Vuelta Ciclista Feminina. Que non teña ninguén ningunha dúbida de que Padrón é a capital galega do ciclismo”, concluíu.

Como broche final ás festas, o Grupo Assia, chegado desde Xixón, fixo vibrar ao público cun espectáculo cheo de grandes éxitos desde os anos sesenta, poñendo o peche a unhas celebracións marcadas pola alta participación e o excelente ambiente vivido desde o 27 de marzo ata o 12 de abril.

O Concello de Padrón celebra o éxito destas inesquecibles Festas de Pascua 2026 e reafirma o seu compromiso con manter e potenciar a súa celebración máis emblemática, que cada ano atrae a milleiros de visitantes e reforza a proxección cultural, social e turística da vila.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…