-->

Padrón e Arjonilla reforzan o seu irmandamento durante a XIX Feira Medieval

  • Os alcaldes destacan a cooperación entre ambos municipios e reivindican o valor dos lazos que unen ambos os dous pobos  ||  
  • As dúas corporacións realizaron unha ofrenda floral diante do monumento a Macías O Namorado no Xardín Botánico-Artístico  ||  
  • Anxo Arca e Luis Miguel Carmona inauguraron a Feira Medieval xunto con autoridades, veciñanza e visitantes nun percorrido polo mercado de época  ||  

 20260704 Padron Feira Medieval recepcion Arjonilla 24

Padrón e Arjonilla volveron escenificar este sábado a fortaleza do seu irmandamento no marco da XIX Feira Medieval, unha cita que serviu para reforzar os vínculos institucionais e humanos entre ambos municipios, unidos historicamente pola figura do trobador Macías O Namorado.

Durante a recepción oficial á Corporación municipal e á delegación chegada desde Arjonilla, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, puxo en valor a importancia de seguir fortalecendo esta relación. “Vivimos un momento no que destacar o que nos une non é o máis habitual. Padrón e Arjonilla son un exemplo de entendemento, cooperación e amizade entre pobos irmáns”, afirmou o alcalde que agradeceu a hospitalidade coa que a delegación padronesa foi recibida en Arjonilla en setembro pasado.

Pola súa banda, o alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, agradeceu o recibimento e destacou a vontade compartida de continuar impulsando un irmandamento que transcende o ámbito institucional e se consolida grazas ao intercambio entre a veciñanza de ambos municipios.

Hai un ano, Padrón e Arjonilla formalizaron o protocolo de irmandamento que une oficialmente ambas localidades. Coincidindo con este aniversario, unha delegación formada por preto de medio cento de veciños e veciñas do municipio xienense está a realizar o Camiño de Santiago desde Tui, unha peregrinación que concluirá este domingo coa chegada a Compostela.

Tras o acto institucional celebrado no salón de plenos e o tradicional intercambio de agasallos, as dúas corporacións e a delegación visitante desprazáronse ata o Xardín Botánico-Artístico para realizar unha ofrenda floral diante do monumento a Macías O Namorado, símbolo da unión entre Padrón e Arjonilla. Posteriormente compartiron un xantar de confraternidade que contribuíu a seguir estreitando os lazos de amizade entre ambas comunidades.

Antes do xantar, os alcaldes fixeron entrega da Pedronía ás persoas de Arjonilla que están a completar o Camiño de Santiago desde Tui, como recoñecemento á súa peregrinación e á súa vinculación coa vila padronesa.

Anxo Arca e Luis Miguel Carmona encabezaron o percorrido inaugural da XIX Feira Medieval, acompañados pola comitiva oficial. O mercado de época transforma durante toda a fin de semana o casco histórico de Padrón con máis de 90 postos de artesanía, animación de rúa, música, obradoiros e espectáculos para todos os públicos.

A intensa programación do sábado culminou na praza de Macías co espectáculo Quimera, da compañía Pablo Méndez Performances, unha proposta de gran impacto visual que combina maxia, teatro, mitoloxía e danza acrobática.

Album de fotos da recepcion a Arjonilla e da inauguracion da Feira Medieval neste enlace.

 20260704 Padron Feira Medieval recepcion Arjonilla 40

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…