-
A expedición, que se celebrará do 23 ao 28 de setembro, permitirá á veciñanza padronesa devolver a visita realizada estes días pola delegación xienense durante a XIX Feira Medieval
-
A viaxe coincidirá coa celebración das súas xornadas medievais
-
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición na web de Padrón Turismo, ata o próximo 15 de xullo
O Concello de Padrón organiza unha viaxe a Arjonilla do 23 ao 28 de setembro, coincidindo coa celebración das xornadas medievais da localidade xienense, que nace coa vontade de seguir fortalecendo o irmandamento entre os dous municipios e favorecer o intercambio entre as súas veciñanzas.
A proposta chega apenas uns días despois de que unha ampla delegación de Arjonilla visitase Padrón con motivo da XIX Feira Medieval, unha cita na que ambas as localidades volveron escenificar a solidez dos vínculos institucionais e humanos que as unen desde que fai un ano se formalizou oficialmente o protocolo de irmandamento arredor da figura do trobador Macías O Namorado.
Agora será a veciñanza padronesa a que devolverá a visita cunha viaxe que combinará o reencontro cos veciños e veciñas de Arjonilla cun completo percorrido cultural por algunhas das cidades máis emblemáticas do interior peninsular.
Durante os seis días de estancia, as persoas participantes visitarán Ávila, Aranjuez, Consuegra, Puerto Lápice, Xaén, Arjonilla, Úbeda, Toledo, Talavera de la Reina e Plasencia, nun itinerario que permitirá descubrir importantes conxuntos monumentais, espazos declarados Patrimonio da Humanidade e algúns dos lugares máis representativos da historia e da cultura española.
A viaxe inclúe tamén dúas tardes libres na localidade de Arjonilla, pensadas para facilitar a convivencia coa veciñanza do municipio irmán, participar nas súas xornadas medievais e seguir estreitando lazos.
Segundo destacou na Feira Medieval de Padrón o alcalde, Anxo Arca, este irmandamento "é un exemplo de entendemento, de cooperación e de amizade entre pobos irmáns".
Inscrición ata o 15 de xullo
A veciñanza viaxará en autobús, con saída desde Padrón o 23 de setembro ás 8.00 horas e regreso previsto para o día 28, incluíndo aloxamento en hoteis de tres e catro estrelas, pensión completa, guía acompañante durante todo o percorrido e seguro de asistencia en viaxe.
O prezo da viaxe é de 715 euros por persoa, para un grupo de entre 45 e 55 participantes. Pódese pedir habitación individual aboando un suplemento de 175 euros.
As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición, ata o próximo 15 de xullo, a través da páxina web de Padrón Turismo (preme aquí) ou solicitar máis información na Oficina de Turismo de Padrón, onde tamén está dispoñible o programa completo da viaxe.
Con esta iniciativa, o Concello de Padrón continúa impulsando actividades que reforzan o irmandamento con Arjonilla, fomentando o coñecemento mutuo, o intercambio cultural e a participación da veciñanza nun proxecto que vai máis alá das relacións institucionais e que segue medrando grazas á implicación de ambos municipios.
Galego
Español 



