-->

A XLVI Festa do Pemento de Herbón reparte máis de 3.000 racións entre milleiros de visitantes

  • A carballeira do convento acolleu a degustación dun dos produtos máis representativos da horta padronesa nunha das grandes citas gastronómicas do verán galego

  • O comunicador Duarte Galbán reivindicou no seu pregón o valor do pemento de Herbón e o traballo das persoas que manteñen vivo o seu cultivo

20260801 Festa Pemento (6)

A Festa do Pemento de Herbón celebrou hoxe a súa 46ª edición, consolidada como unha das grandes citas gastronómicas do verán en Galicia. Milleiros de persoas achegáronse ata a carballeira do convento de Herbón para participar nesta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, na que se repartiron máis de 3.000 racións de pementos de Herbón acompañados de cachelos e pan.

A xornada comezou ás 9.00 horas cos pasarrúas do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT, que animaron os momentos previos á misa campestre e á tradicional bendición dos pementos.

Un dos momentos máis agardados volveu ser a procesión de tractores, que reuniu 34 vehículos agrícolas engalanados para a ocasión. A comitiva percorreu as rúas de Padrón e realizou a súa habitual parada diante da Casa do Concello, onde os participantes lle entregaron unha cesta de pementos ao alcalde, Anxo Arca. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros Mariló Saco, Luis Mariño e Laura Horta.

20260801 Festa Pemento (4)

O percorrido continuou coa ofrenda floral diante da escultura da Pementeira, símbolo do labor das persoas que manteñen viva a tradición e o cultivo deste produto emblemático.

20260801 Festa Pemento (8)

Xa de regreso na carballeira do convento, o presentador e comunicador Duarte Galbán foi o encargado de pronunciar o pregón desta edición. O rianxeiro destacou a excelencia do pemento de Herbón e a súa relevancia como emblema gastronómico da parroquia e de Padrón.

20260801 Festa Pemento (10)

Galbán recoñeceu especialmente o esforzo da xente do campo e o traballo desenvolvido pola comisión organizadora, ao tempo que animou a veciñanza a continuar celebrando e defendendo esta tradición. A súa intervención rematou cunha canción na que tamén fixo partícipe o público.

Durante o acto entregáronse, ademais, os premios aos tractores participantes. O vehículo número 14 resultou gañador desta edición cunha proposta que incluía unha degustación do produto.

20260801 Festa Pemento (3)

O xantar popular e o ambiente festivo prolongáronse durante toda a tarde na carballeira. A programación completarase esta noite no campo de fútbol de Herbón cunha gran verbena amenizada pola orquestra La Banda de Ayer e a Disco Móbil CDC.

20260801 Festa Pemento (5)

A música porá o broche final a unha nova edición dunha celebración que continúa medrando e que constitúe un dos principais escaparates do pemento de Herbón e do municipio de Padrón.

20260801 Festa Pemento (2)

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…