-->

Padrón inviste case 2 millóns de euros en obras no último ano

  • O Concello licitou entre agosto de 2025 e agosto de 2026 quince actuacións por un total de 1,8 millóns de euros, a maioría delas destinadas á mellora da rede viaria, do saneamento e do abastecemento en zonas rurais

  • O alcalde, Anxo Arca, destaca que este volume de investimento “evidencia o interese deste Goberno municipal polas aldeas e por seguir mellorando as infraestruturas e os servizos en todo o municipio”

 

O Concello de Padrón mobilizou no último ano arredor de 1,8 millóns de euros en obras a través de quince actuacións licitadas entre agosto de 2025 e agosto de 2026 e destinadas á mellora das infraestruturas municipais e dos servizos públicos.

Unha parte moi significativa deste investimento concéntrase nas zonas rurais, con actuacións de mellora en 14 estradas, así como intervencións nas redes de saneamento e de abastecemento das aldeas. O Concello reforza deste xeito a súa aposta por atender as necesidades e mellorar os servizos e as comunicacións tamén fóra do núcleo urbano.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destaca que este volume de investimento “evidencia o interese deste Goberno municipal polas aldeas e por seguir mellorando as infraestruturas e os servizos en todo o municipio, dando resposta a necesidades que en moitos casos levaban anos pendentes”.

Entre agosto e decembro de 2025, o Concello licitou actuacións por un importe total de 512.624 euros. Entre elas figuran a reposición da tubaxe de abastecemento en Arretén, a reurbanización exterior da parcela da Azucreira para crear un novo espazo de Memoria Democrática e a rehabilitación do firme entre a igrexa de Carcacía e Rial.

A este primeiro bloque súmanse as actuacións nos camiños de Sinde e de Pedroso, o parque infantil de Estramundi, a adquisición dun camión eléctrico para a recollida de biorresiduos e a mellora do pavimento en diferentes estradas de Carcacía.

1,3 millóns de euros licitados ata agosto de 2026

No que levamos de ano, entre os meses de xaneiro e agosto o investimento licitado ascende a 1,3 millóns de euros, cun total de oito novos proxectos. O máis importante é a rehabilitación da Escola Infantil Municipal, que se converterá na escola mellor dotada da comarca.

Tamén se inclúen neste período as obras de pavimentación do acceso ao IES Macías o Namorado, a mellora de viario en Herbón e a pavimentación de varias vías en Estramundi.

A relación de traballos complétase coa mellora da estrada de Cambelas a Romarís e coas actuacións nas vías de A Ponte, nas da Rocha e nas do Pombal de Abaixo.

En conxunto, son quince actuacións licitadas no último ano, algunhas xa executadas e outras que se materializarán nos próximos meses, cun investimento próximo aos 2 millóns de euros.

Para Anxo Arca, estes datos demostran o ritmo de traballo do Executivo local. “Nunca en Padrón se licitaron e executaron tantas obras nun período tan curto de tempo. É unha evidencia de que este Goberno traballa a pleno rendemento para facer de Padrón un lugar máis habitable e con mellores servizos para a veciñanza”, afirma o alcalde.

Actuacións que van máis alá das licitacións

A este investimento hai que engadir outras obras de menor contía executadas directamente polo Concello ou en colaboración coa empresa concesionaria Espina & Delfín, co obxectivo de mellorar servizos e dar solución a problemas históricos en distintos puntos do municipio.

20260821 Padron estacion de bombeo de Tarrio

Entre estas actuacións figuran a creación dun xardín urbano na praza de Ramón Tojo e a estación de bombeo de Tarrío, unha infraestrutura coa que se logrou solucionar os problemas históricos de abastecemento que había en Prada, A Picaraña e Areal.

Tamén se levaron a cabo traballos na rúa Real, coa substitución das canalizacións de saneamento e abastecemento, e na rúa Pérsico, onde se renovaron igualmente estas redes e se executou a pavimentación en pedra.

O balance deste último ano complétase con outras actuacións de mantemento e mellora do municipio, como a campaña especial de limpeza e desinfección en profundidade levada a cabo nas rúas do casco histórico, as campañas de roza e diferentes melloras tanto na N-550 como en estradas de titularidade da Deputación.

O Goberno local subliña que este esforzo investidor se desenvolveu, ademais, nun ano marcado por unha ampla actividade cultural e festiva, pola celebración de eventos deportivos de primeira categoría e por un aumento do número de visitantes, contribuíndo no seu conxunto a facer de Padrón un concello máis dinámico, atractivo e con mellores servizos.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…