- A iniciativa achegará á veciñanza información práctica sobre a separación dos residuos orgánicos e a compostaxe na casa
- As sesións, que arrancan este luns en Estramundi, inclúen a entrega de composteiros ás persoas previamente inscritas
- O programa conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través de fondos europeos
O Concello de Padrón inicia este luns, 5 de outubro, un programa de promoción da compostaxe doméstica co obxectivo de fomentar unha mellor xestión dos residuos orgánicos nos fogares e favorecer a súa separación na orixe.
A iniciativa contempla a celebración de distintas sesións informativas de compostaxe e reparto de composteiros en diferentes puntos do municipio, nas que a veciñanza poderá coñecer de maneira práctica os principios básicos deste sistema, as súas vantaxes ambientais e o xeito correcto de utilizar os composteiros domésticos.
A primeira cita terá lugar este luns na Casa da Cultura de Estramundi, ás 20.30 horas. As sesións continuarán o 6 de outubro en Pazos e Herbón, o 7 na Ponte, o 8 en Carcacía e Arretén e o 9 de outubro en Queiruga, celebrándose todas ás 20.30 horas.
Durante os encontros abordaranse cuestións relacionadas coa correcta separación dos residuos orgánicos, co funcionamento do proceso de compostaxe e co aproveitamento posterior do compost obtido. Ademais, entregaranse composteiros de balde ás persoas participantes previamente inscritas.
Para asistir ás sesións e recibir o composteiro é necesario inscribirse previamente, ben a través do teléfono 623 932 143 ou do formulario habilitado para esta iniciativa.
O programa busca contribuír á redución da cantidade de residuos orgánicos que se depositan na fracción resto, favorecendo a súa valorización no propio fogar e diminuíndo tanto o volume de lixo mesturado como os custos asociados ao seu tratamento.
A iniciativa está promovida polo Concello de Padrón e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través dos fondos europeos, no marco das actuacións destinadas a mellorar a xestión dos residuos municipais e impulsar a compostaxe doméstica.
Galego
Español 



