-->

Padrón, premio Pobo Máxico do Ano 2027: o máximo recoñecemento da rede Pueblos Mágicos de España

  • O municipio acada a maior distinción dos Premios Nacionais 2027 tras ser recoñecido como Pobo Máxico de Galicia en 2025

  • O alcalde, Anxo Arca, destaca que este galardón “evidencia o enorme peso e proxección do noso atractivo turístico e o empeño do Concello e do noso sector servizos por ofrecer unha oferta turística de calidade”

  • Arca felicita tamén a Arjonilla, pobo irmán de Padrón, polo seu recoñecemento como Pobo Máxico de Andalucía 2027

 

Padrón vén de ser premiado como Pobo Máxico do Ano 2027, a máxima distinción concedida pola rede Pueblos Mágicos de España dentro dos seus Premios Nacionais. O galardón sitúa o municipio padronés á cabeza dunha edición que recoñece a posta en valor do patrimonio histórico, o patrimonio natural, a xestión turística, a implicación do sector servizos, a innovación e a comunicación nos territorios que forman parte da rede.

Este novo recoñecemento chega despois de que Padrón fose elixido Pobo Máxico de Galicia en 2025 e de que o municipio acollese o pasado mes de outubro o VI Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España, reforzando así a súa presenza e proxección dentro desta rede turística e cultural.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, celebra a concesión dun premio que “chega despois de ser recoñecidos como Pobo Máxico de Galicia e que evidencia o enorme peso e proxección do noso atractivo turístico, así como o empeño do Concello e do noso sector servizos por ofrecer unha oferta turística de enorme calidade, que cada vez é máis coñecida en España e no mundo”.

Para o rexedor, este novo distintivo “supón un recoñecemento ao traballo que se está facendo para poñer en valor todo aquilo que fai de Padrón un destino singular: a nosa historia, o noso patrimonio, a nosa cultura, as tradicións, a gastronomía, a paisaxe e, por suposto, as persoas que lle dan vida ao municipio”.

A distinción contribúe así a consolidar Padrón como un destino cultural, patrimonial e turístico de referencia a nivel nacional e supón un novo impulso para continuar avanzando na promoción dun modelo de turismo sustentable e de calidade.

A máxima distinción tras o éxito de 2025

Padrón forma parte da rede Pueblos Mágicos de España desde novembro de 2024, sendo a primeira localidade da provincia da Coruña en incorporarse a este selo de promoción turística e territorial.

Só un ano despois da súa incorporación, o municipio foi recoñecido como Pobo Máxico de Galicia 2025, un galardón ao que agora se suma a máxima distinción estatal como Pobo Máxico de España do ano 2027.

A rede Pueblos Mágicos de España ten como obxectivo poñer en valor os recursos locais e favorecer o desenvolvemento turístico e territorial dos municipios adheridos, destacando a súa singularidade, patrimonio e identidade.

No marco dos Premios 2027, as votacións permaneceron abertas ata o pasado 13 de novembro ás 23.59 horas, e a organización fixo pública este luns 16 de novembro a comunicación dos municipios galardoados.

O Concello de Padrón agradece o apoio recibido por parte da veciñanza, establecementos turísticos, asociacións, colectivos, centros educativos, sectores profesionais e de todas as persoas que contribuíron á promoción e difusión do municipio e da súa candidatura.

O alcalde fixo unha mención especial para “recoñecer e valorar o traballo realizado dende a Concellería de Turismo e Festexos do Concello de Padrón, xestionada por Chus Campos, que conta coa enorme profesionalidade e implicación do noso técnico de turismo, Alberto Rey”.

Parabéns ao pobo irmán de Arjonilla

Anxo Arca tamén felicita ao municipio irmán de Arjonilla, distinguido nesta edición como Pobo Máxico de Andalucía.

“Dámoslle a noraboa ao noso pobo irmán, Arjonilla, por este premio que pon de manifesto o inmenso traballo realizado en materia turística da súa Concellería de Turismo e Cultura, a posta en valor dos seus múltiples elementos culturais e a enorme hospitalidade que ofrece aos seus visitantes”, afirma o alcalde padronés.

Arca destaca especialmente a relación que une os dous municipios: “Padrón e Arjonilla camiñan e melloran xuntos, compartindo experiencias e acadando cada vez maior recoñecemento e proxección, amosando ao mundo que a cooperación e o entendemento son o camiño cara o éxito”.

Un impulso para seguir promovendo Padrón

Para o Concello, a designación como Pobo Máxico do Ano 2027 supón unha nova oportunidade para reforzar a promoción exterior do municipio e continuar poñendo en valor os seus recursos turísticos, culturais, naturais, gastronómicos e patrimoniais.

O novo distintivo permitirá tamén seguir fortalecendo a colaboración co tecido comercial, hostaleiro e turístico e avanzar na creación dunha oferta que combine a conservación da identidade local coa captación de novos visitantes.

“Este premio non é un punto de chegada, senón un estímulo para continuar traballando e amosando todo o que Padrón pode ofrecer”, conclúe Anxo Arca.

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…