-
O Concello de Padrón distingue ‘La noticia de tu propia muerte en el diario de la mañana’ entre os 195 relatos presentados
-
O xurado valorou a profundidade dos personaxes e a reflexión sobre o abandono, a perda de inocencia, a culpa e o sentido de responsabilidade
O escritor Miguel Ángel González González é o gañador do XXXVI Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa co relato La noticia de tu propia muerte en el diario de la mañana, presentado baixo o lema Kubelik. O xurado acordou por maioría concederlle o galardón na sesión celebrada este martes, 24 de novembro, no salón de plenos da casa consistorial.
Na acta do fallo, o xurado destaca a “notable resonancia emocional” do relato, a súa dimensión simbólica e a profundidade dos personaxes. Valora tamén o xeito en que a obra aborda o abandono e explora a perda da inocencia, a culpa, a conciencia e o sentido da responsabilidade.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiu o xurado, integrado por Carlos Arias Iglesias, escritor e gañador da segunda edición do certame; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Esteban Folgar Brea, profesor de Lingua e Literatura no IES da Estrada; Covadonga Rodríguez del Corral, subdirectora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela; e Inés Mosquera Calvo, mestra de Educación Primaria. Como secretaria actuou M.ª Cruz Taboada Álvarez, funcionaria municipal.
“Un premio que levo moitos anos perseguindo”
Tras coñecer o fallo, o gañador asegurou sentirse “profundamente emocionado e agradecido”. “É un orgullo e unha felicidade vincular o meu nome a un certame tan prestixioso, con tantos anos de vida, ao que se presenta tanta xente e que está ligado a unha figura como Camilo José Cela, nada máis e nada menos que un premio Nobel”, afirmou.
Miguel Ángel González, que se dedica profesionalmente á literatura como profesor de escritura creativa co seu taller La Biblioteca Prestada, asegura que este é un galardón que “levaba moitos anos perseguindo”.
O relato premiado parte dunha lembranza da infancia: unha viaxe en familia na que lle quedou gravada a imaxe dun galgo correndo detrás do coche, seguramente por equivocación. A partir de aí, a obra entra na ficción para falar de relacións familiares e segredos.
O escritor recoñeceu que non coñece Padrón, aínda que si Galicia, e ata ten unha novela titulada Cariño. “Non se me ocorre mellor escusa que coñecela agora”, dixo.
Traxectoria do autor
Escritor e dramaturgo, Miguel Ángel González naceu en Madrid en 1982. Formado como educador social, cultiva a narrativa, a poesía, o guión de cinema e o teatro. Publicou a súa primeira novela en 2006 e o seu traballo foi recoñecido en España, Porto Rico, Arxentina, Guatemala e Perú. Como dramaturgo recibiu os premios Fray Luis de León, Max Aub e Born, e as súas obras representáronse en España, Arxentina, México e Estados Unidos.
Entre os seus títulos destacan Todos los miedos (Siruela, 2016), Premio Café Gijón; Cariño (Alianza Editorial, 2018), elixida unha das dez mellores novelas do ano pola revista Forbes; Un nublao de tiniebla y pedernal (Editorial Comba, 2021), Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa; e Perder el equilibrio (Grijalbo, 2024), nomeada a mellor novela nos premios Valencia Negra. O seu poemario ¿Qué harías si yo muriera? (Visor) recibiu o Premio Ciudad de Badajoz. A súa última novela é Las tres familias (Ediciones B, 2026).
O Concello de Padrón felicita o autor pola calidade da obra galardoada e agradece a alta participación nun certame que rende homenaxe ao legado literario de Camilo José Cela e á súa estreita vinculación co municipio. O galardón está dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa.
Galego
Español 



