-
Terán prioridade para recoller ata o 3 de decembro un máximo de 2 bonos por persoa
-
O reparto realizarase de maneira presencial na praza da Igualdade, diante da Escola Municipal de Música
-
Os negocios que queiran adherirse á campaña aínda poden facelo ata este domingo, 29 de novembro
-
O Concello destina 20.000 euros a esta segunda edición para impulsar as compras no municipio durante a campaña de Nadal
O Concello de Padrón iniciará o próximo martes, 1 de decembro, o reparto dos bonos da segunda edición da campaña Bonos Padrón. Padrón ten o que precisas, unha iniciativa municipal dotada con 20.000 euros para incentivar as compras no comercio, na hostalaría e nos aloxamentos do municipio durante a campaña de Nadal.
En total distribuiranse 2.000 bonos cun valor de 10 euros cada un. Poderán utilizarse nos establecementos adheridos para realizar compras ou consumos iguais ou superiores a 20 euros, desde o propio 1 de decembro e ata o día 31, inclusive.
A entrega dos bonos será presencial e realizarase na praza da Igualdade, diante da Escola Municipal de Música, en horario ininterrompido de 11.00 a 18.00 horas.
Durante os tres primeiros días, do 1 ao 3 de decembro, a recollida estará reservada de maneira preferente ás persoas empadroadas en Padrón, que poderán obter os bonos por orde de chegada. A partir do 4 de decembro, poderán solicitalos tanto persoas empadroadas como non empadroadas, sempre que queden unidades dispoñibles.
Ata dous bonos por persoa
Cada persoa maior de idade poderá retirar un máximo de dous bonos presentando o seu DNI ou NIE, o que permitirá acumular un desconto máximo de 20 euros.
A entrega realizarase exclusivamente á persoa titular do documento presentado. Non será posible retirar bonos en representación doutras persoas nin se entregarán a menores de idade.
Os bonos non serán nominativos, polo que, unha vez retirados, poderán ser utilizados por calquera persoa. Cada bono de 10 euros deberá empregarse nun único establecemento adherido e nunha compra ou consumo igual ou superior a 20 euros.
O reparto manterase aberto ata esgotar as 2.000 unidades dispoñibles.
Últimos días para que os negocios se adhiran
O Concello lembra tamén que este domingo, 29 de novembro, remata o prazo para que comercios, establecementos hostaleiros e aloxamentos de Padrón se incorporen á campaña.
A adhesión pode tramitarse a través da web www.bonospadron.gal. Os negocios que non dispoñan de correo electrónico poden realizar o trámite de maneira presencial no departamento de Turismo do Concello.
Poden participar na campaña os establecementos que desenvolvan a súa actividade no municipio, agás supermercados, grandes superficies e venda ambulante.
Os negocios adheridos deberán identificar a súa participación mediante o distintivo oficial da campaña, dispoñible na Oficina de Turismo.
Bonos válidos durante todo o mes de decembro
Os bonos poderán empregarse ata o 31 de decembro de 2026, inclusive. Non poderán trocarse por diñeiro en efectivo e, no caso de devolución dunha compra, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da operación.
Posteriormente, os negocios participantes deberán presentar na Oficina de Turismo os bonos orixinais recibidos xunto cos correspondentes tíckets ou facturas. O prazo para solicitar o reembolso das cantidades descontadas estará aberto do 4 ao 15 de xaneiro de 2027.
Con esta segunda edición da campaña Bonos Padrón, o Concello busca favorecer o consumo de proximidade durante unha das épocas de maior actividade comercial do ano e contribuír directamente á dinamización da economía local.
Toda a información da campaña e a relación de establecementos adheridos estará dispoñible en www.bonospadron.gal.
Galego
Español 



