O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, vén de anunciar o comezo inminente das obras de mellora da rúa Bordel e da Praza da Leña, que suporán un investimento conxunto de 113.000 euros e que serán acometidas polas empresas Construcciones D. Ogando e Construcciones Iglesias Mera, respectivamente.
Tras asinarse onte as correspondentes actas de repranteo, o alcalde indicou que as empresas adxudicatarias teñen previsto iniciar os traballos nos vindeiros días e precisou que en ambos casos o prazo de execución ofertado polas dúas construtoras é de tres meses.
No caso da rúa Bordel, os traballos consistirán na súa humanización mediante a reparación de baches e a mellora da capa de rodaxe con aglomerado en quente, ademais da reposición do firme con formigón en tres zonas concretas. Previamente, canalizaranse as tubaxes de polietileno para o abastecemento de auga potable e adaptaranse os pozos e as arquetas existentes á nova rasante do pavimento. Por último, procederase á sinalización horizontal da rúa co pintado das liñas e símbolos correspondentes.
Pola súa parte, a mellora da Praza da Leña tamén consiste na súa humanización, incluindo a mellora do firme con tramos de aglomerado en quente e tramos de formigón, ademais da instalación de tubaxes de PVC e a construción de arquetas con sumidoiro para a canalización das augas pluviais.
Pasarela peonil
Por outra banda, Antonio Fernández Angueira tamén anticipou que o pasado día 1 a Consellería de Medio Ambiente formalizou o contrato da instalación da pasarela peonil sobre o río Sar, que unirá a zona do Bordel co campo da Barca e que será financiada pola propia consellería con cargo ao Plan Hurbe. A pasarela estará formada por unha estrutura metálica dun só van de 30 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho, polo que admitirá tanto o tránsito de peóns como de bicicletas.
Tal e como anunciou no seu día a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na execución desta actuación tentarase favorecer a integración da estrutura da pasarela na estética da contorna e de alixeirar a súa percepción visual.