-->

Preto de 5.000 persoas e 3.500 racións servidas na Festa do Pemento de Herbón "máis exitosa"

 

A trixésimo novena edición da Festa do Pemento de Herbón convertiuse hoxe na "máis exitosa" da súa historia recente ao congregar na contorna do convento franciscano a preto de 5.000 persoas que deron conta en pouco máis de hora e media de 800 quilogramos de pementos fritidos repartidos nunhas 3.500 racións.

Tras unha misa campestre na carballeira do convento, a xornada festiva arrancou ás 11.30 horas coa tradicional procesión agrícola motorizada ata Padrón, na que participaron 26 tractores debidamente engalanados para a ocasión. Xa no centro da vila, a comitiva motorizada realizou unha ofrenda diante da estatua da pementeira e pasou polo concello para entregarlle ao alcalde, Antonio Fernández Angueira, unha cesta de pementos, que foi correspondida cun ramo de flores en agradecemento ao traballo da comisión.

Xa de volta na carballeira de Herbón, chegou o momento de escoitar o pregón do locutor José Manuel García, presentador do programa "Comer e falar na rede". Na súa intervención, o pregoeiro comprometeuse a ser "embaixador e se fai falla soldado defensor do pemento de Herbón" e realizou un chamamento á unidade de acción entre administracións, produtores, veciños e consumidores para defender "algo tan noso como é esta xoia, un pemento único porque está demostrado que o é".

"Quero ir aos nosos restaurantes, os máis estrelados e tamén ás tabernas de toda a vida, e comprobar e esixir que teñan os pementos de verdade, os de Herbón", engadiu José Manuel García, que recibiu un galardón da comisión de festas pola súa contribución á promoción do pemento de Herbón, igual que o empresario Andrés Quintá, de Extrugasa, e o xornalista e consultor Alberto Rey. Ademais, a organización tamén premiou aos participantes na procesión agrícola motorizada.

Mentres os milleiros de persoas escoitaban o pregón, arredor das 13.30 horas comezaba a preparación por parte dos membros da comisión nunha quincena de sarténs de máis de 800 quilogramos de pementos, que se repartiron fritidos xunto con pan e cachelos en máis dun milleiro de pratos de barro que a organización vendía a 2 euros. En total, a comisión organizadora chegou a servir arredor de 3.500 racións de pementos, esgotando as existencias. Mentres tanto, o trío Unión y Fuerza poñía a ambientación musical, que terá continuidade pola noite coa verbena no campo de fútbol, na que tamén actuará a orquestra Suavecito.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…