O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Turismo, Lorena Couso, recibiron esta mañá no salón de plenos do consistorio a máis de 120 expedicionarios da Ruta Quetzal que están a gozar dunha estancia de tres días en Galicia e que aproveitaron a ocasión para realizar unha visita guiada por Padrón e para coñecer a Casa-Museo de Rosalía de Castro.
Este numeroso grupo, formado por participantes dalgunha das viaxes organizadas pola Ruta Quetzal, está coordinado por Íñigo De la Cuadra Salcedo, fillo do promotor deste coñecido programa de formación e aventura, Miguel de la Cuadra Salcedo, falecido o ano pasado. Precisamente, a celebración deste sétimo encontro de roteiros en Galicia estalles a servir a estes expedicionarios para homenaxear ao ideólogo e impulsor da Ruta Quetzal.
O alcalde padronés aproveitou a recepción no consistorio para pór en valor as principais señas de identidade de Padrón, como son Rosalía de Castro, os pementos, Camilo José Cela ou a tradición xacobea, e convidounos a volver visitar Padrón no futuro para poder coñecer máis a fondo todos os atractivos turísticos, gastronómicos e culturais.