O Concello de Padrón estreou esta mañá a renovación da súa páxina web, www.padron.gal, coa finalidade de convertela nunha ferramenta "máis atractiva desde o punto de vista estético", pero, sobre todo, "para que sexa máis operativa e funcional para os cidadáns deste concello e para os milleiros de persoas que nos visitan cada ano".
Segundo indicou o rexedor local, Antonio Fernández Angueira, a mellora da presenza do Concello de Padrón na Rede "era unha das eivas que arrastrabamos desde hai tempo e que a partires de hoxe queda solucionada". Neste senso, destacou que a nova páxina web, que se poderá consultar no mesmo dominio que a anterior, www.padron.gal, será un "instrumento vivo", que seguirá a enriquecerse e incorporar novos contidos desde hoxe mesmo e que manterá actualizada a información sobre as principais actividades que organiza o concello.
O alcalde salienta que a configuración deste novo sitio web responde fundamentalmente a dous obxectivos: o primeiro é convertela "nun primeiro escaparate para os milleiros de visitantes e turistas que pasan cada ano por Padrón para que poidan ter unha noción básica sobre o que ofrece este concello" e, en segundo logar, que "a navegabilidade e usabilidade sexa máis sinxela e intuitiva", especialmente para os padroneses que terán nesta web "unha ferramenta para realizar trámites administrativos co concello, a través da sede electrónica xestionada en colaboración coa deputación".
Desde un punto de vista técnico, trátase dunha páxina "responsive", o que quere dicir que se adapta aos diferentes formatos de dispositivos electrónicos (smartphones, tablets e ordenadores) para facilitar a lectura e navegación en cada un deles.