O recinto do Convento do Carme acollerá os vindeiros días 17 e 18 de febreiro a celebración da I Expo-Feira de Plantas de Colección, promovida pola Concellería de Cultura e Turismo de Padrón para complementar a xa consolidada Exposición da Camelia e do Bonsái, que alcanza este ano a súa quinta edición.
A concelleira Lorena Couso anticipou hoxe que a I Expo-Feira de Plantas de Colección é "un evento pioneiro e único en Galicia", que xa ten confirmada a participación de varios expositores desta rexión e tamén de Santander, do País Vasco, de Madrid, de Valencia, de Sevilla e incluso de Portugal. Estes coleccionistas permitirán contemplar orquídeas, magnolias, Ilex, fentos arbóreos, cactus, crasas, begonias, bulbos sudafricanos, plantas aromáticas e culinarias, plantas tropicais e subtropicais, etc.
Para a organización deste evento, a Concellería de Cultura e Turismo conta coa colaboración do coleccionista e experto local José Freire, que xa contribuíu á organización das anteriores edicións da Exposición da Camelia e do Bonsái. Freire salienta que nesta quinta mostra xa confirmaron a súa presenza uns 40 expositores de camelias procedentes de diferentes lugares da península e, no caso concreto dos bonsais, precisa que os expositores son de orixe local, pero subliña que "son igualmente importantes, posto que entre eles atópase por exemplo Luis Baliño, que conta con varios premios de prestixio nacional e internacional".
Coa finalidade de enriquecer o evento e atraer a máis visitantes, os afeccionados ás camelias, aos bonsáis e ás plantas de colección poderán gozar ademais no Convento do Carme con senllas exposicións da pintora Rosa Crespo, tamén coleccionista de camelias, e do escultor Camilo Seira.
O sábado 17 febreiro o horario de visita destas mostras será de 10.00 a 20.00 horas e o domingo 18, de 10.00 a 18.30 horas.