-->

Arranca o programa integrado de emprego “Terras de Iria IV”, que acolle a 41 participantes de Padrón

 

O Auditorio de Padrón acolleu esta mañá o acto de apertura do programa integrado de emprego “Terras de Iria IV”, promovido polos concellos de Padrón, Dodro e Rois, que nesta cuarta edición acolle a 85 participantes -entre menores de 30 anos con ou sen cualificación, perceptores de prestación por desemprego e parados de longa duración e maiores de 45 anos-. O obxectivo é mellorar a ocupabilidade dos participantes no mesmo e incrementar as súas posibilidades de inserción laboral. Os destinatarios do programa, 47 homes e 38 mulleres, proceden dos tres concellos promotores: 41 de Padrón, 19 de Dodro e 25 de Rois.

As diferentes accións están vinculadas directamente aos sectores do metal, da conserva, dos supermercados e do coiro, que son os que priman na Comarca do Sar e a súa contorna. En concreto, no ámbito do metal o programa contempla cursos de mecanizado, carpintería metálica, soldadura TIG, técnico de prevención de riscos, carretilla elevadora ou manexo de ponteguindastre. No referente á conserva, os contidos recollen materias coma manipulador de alimentos e seguridade alimentaria, traballos en altura e carga e descarga, autoclaves, control de cerres, elaboración de conservas e produtos do mar, e operacións auxiliares de almacén.

No referente ao sector terciario, e en concreto aos supermercados, inclúense cursos de dependente da sección de frescos, caixeiro-repoñedor, e atención ao público. O ensino especializado complétase cun curso de manufacturas do coiro de 100 horas. Ademais o programa inclúe cursos transversais de ofimática, inglés, busca de emprego mediante o uso das novas tecnoloxías, mobilidade laboral nacional e internacional, experiencias empresariais, taller de coaching laboral, obradoiros de empregabilidade e dinámicas de grupo.

Os participantes poderán realizar prácticas voluntarias non laborais en empresas, sesións de orientación laboral, orientacións de autoemprego, e accións de intermediación laboral con empresas, e colaboración do eido empresarial recollendo currículos dos participantes do programa para a súa valoración e incorporación a empresa. Haberá unha unidade permanente de atención aos participantes. A formación e as prácticas non laborais en empresas comprenderán o traballo con ferramentas e útiles de traballo propios dos postos.

Ao acto acudiron os alcaldes Antonio Fernández Angueira, Valentín Alfonsín e Ramón Tojo, ademais do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, que felicitou aos participantes: “traballaredes durante doce meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Tamén tivo unha mención especial para o tres alcaldes “que por cuarto ano conseguides levar a cabo este proxecto, unha formación de calidade para o emprego que non sería posible sen a colaboración entre as administracións públicas. Todos temos moi claro que ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns e cidadás”.

Dous millóns de euros en 25 concellos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten activos na provincia da Coruña 14 programas integrados de emprego que buscan incrementar as oportunidades laborais de 1.190 persoas sen emprego. A iniciativa supón un investimento de preto de dous millóns de euros que se distribúen entre 25 concellos, a Mancomunidade de Ferrol e dúas entidades sen ánimo de lucro.

Os programas establecen como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…