- A actriz de orixe padronesa Cristina Castaño será a encargada de ler o pregón o día 31 de marzo, sábado de Pascua, ás 21.00 horas na Praza de Macías
- No eido musical destacan o Festival Pop Tour do 31 de marzo, con músicos de grupos como Siniestro Total, Inhumanos, El Norte e Guaraná; o concerto de Astarot o luns 2 de abril; e a actuación de Eladio y los Seres Queridos e a Noite Dj Indie, o 6 de abril
- A Feira Cabalar, a Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial e os Días de Santiago e de Rianxo, outras das tradicións que teñen continuidade este ano
- O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, confirma que unha vez rematada esta Pascua o concello tramitará a solicitude para que sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
As Festas da Pascua de Padrón 2018, que terán como pregoeira á actriz con orixes padronesas Cristina Castaño e que se desenvolverán durante 18 días entre o 24 de marzo e o 14 de abril, contarán con preto dun cento de actividades entre competicións deportivas, ritos relixiosos, actividades culturais e concertos e espectáculos musicais.
Así o anunciou hoxe durante a presentación celebrada na Cidade da Cultura o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e os concelleiros de Cultura e Festexos de Padrón, Lorena Couso e Ángel Rodríguez, respectivamente.
Fernández Angueira amosou o seu agradecemento a Cristina Castaño por aceptar "á primeira" a invitación para ser a pregoeira das festas e precisou que a lectura do pregón terá lugar o día 31 de marzo, sábado de Pascua, ás 21.00 horas na Praza de Macías.
En canto á programación de actividades, o rexedor padronés avanzou que no eido deportivo celebraranse competicións de fútbol -base e afeccionado-, fútbol sala, xadrez, tenis, ciclismo, un Día do Baloncesto coa presenza de xogadores do Monbús-Obradoiro CAB (28 de marzo) e ata unha velada de boxeo (6 de abril).
Espectáculos de música pop, heavy e djs
No apartado musical, ademais da participación de nove orquestras e de varias agrupacións folclóricas da bisbarra, salientou que haberá tres espectáculos destacados: o 31 de marzo, sábado de Pascua, celebrarase o Festival Pop Tour Padrón 2018 coa actuación dunha formación integrada por Miguel Costas (Siniestro Total), Santi Sánchez e Amigos (ex de Los Inhumanos), Carmelo López (El Norte) e Juanra (Guaraná); o día 2 de abril, luns de Pascua, está programado un concerto do grupo heavy-rock Astarot, de Cangas do Morrazo; e o día 6 de abril, venres de Pascuilla, actuará o grupo Eladio y los Seres Queridos e haberá unha Noite Dj Indie coa participación de Amatria Dj, Dorian Dj, Florent y Yo Dj Set e Groove Amigos + Blvckr.
Feira Cabalar e días de Santiago e Rianxo
A programación de actividades tamén dá continuidade a outras tradicións propias da Pascua padronesa, como é a Feira Cabalar no Campo da Barca o domingo de Pascua (1 de abril), na que se repartirán máis de 2.000 euros en premios nos diferentes concursos morfolóxicos; a XLVIII Feira-Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial; os pasarrúas con xigantes e cabezudos; o Día de Santiago (2 de abril, luns de Pascua) e o Día de Rianxo (3 de abril, martes de Pascua).
"Motor económico" de Padrón
Na súa intervención, o alcalde padronés lembrou que a Pascua é "unha celebración secular, da que xa a comezos do século XVII o cóengo cardeal de Compostela Jerónimo del Hoyo falaba como unha das mellores feiras do reino". Partindo desas raíces históricas e baseándose no "moito que ten evolucionado ata converterse nun auténtico motor económico para Padrón", indicou que o goberno local está a traballar para presentar a solicitude de declaración da Pascua como Festa de Interese Turístico de Galicia.
"Cremos que pensar nunha pascua en Galicia é pensar na Pascua de Padrón e pensamos que esta festa acumula méritos suficientes para conseguir esa declaración porque cumpre os parámetros de antigüidade, continuidade no tempo, singularidade, arraigamento social e promoción", destacou o alcalde. Ademais, nesta edición a Pascua estrea unha imaxe corporativa propia inspirada nas súas orixes como feira cabalar e de gando e no seu carácter lúdico e festivo.
Por último, Fernández Angueira invitou a todos os galegos e galegas a visitar a capital da Comarca do Sar aproveitando "unhas festas nas que o Concello de Padrón segue a traballar para tratar de convertelas oficialmente o vindeiro ano na Pascua de toda Galicia". "Coa campaña de promoción que imos facer, agardamos que, se o tempo acompaña, poidamos superar os 180.000 visitantes e alcanzar un novo récord de asistencia", engadiu.
PARA CONSULTAR O PROGRAMA DE ACTIVIDADES COMPLETO PREME AQUÍ (VER PROGRAMA)