Os membros do xurado do Certame Poético Rosalía de Castro, que convoca desde hai catro anos a Concellería de Cultura de Padrón, acordaron hoxe concederlle o premio desta cuarta edición á valenciana Milagros Clotilde Agustina Pérez Villanueva polo traballo "Onde dá a volta o aire", presentado baixo o lema "Buguinas".
O xurado desta cuarta edición do certame estivo presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e contou como vogais coa concelleira de Turismo, Lorena Couso Dopazo; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña Trabazo -ausente na reunión, pero que entregou previamente a súa valoración aos compañeiros do xurado-; o mestre do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Baleirón; a profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela María Xesús Senín Fernández; e a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Rexina Rodríguez Vega. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez.
Da obra gañadora, que será publicada e pola que Milagros Clotilde Agustina Pérez Villanueva recibirá un premio en metálico de 1.500 euros, o xurado destacou o seguinte: "Trátase dun texto orixinal e de marcada personalidade, de linguaxe chea de lirismo, sinxela pero de complexas referencias entre as que destacan as do mundo popular e biográfico".