As rúas de Padrón acollerán entre os días 6 e 8 de xullo a XIII Feira Medieval "Padrón, Berce do Xacobeo", que incluirá unha trintena de actividades lúdicas e de entretemento para tódolos públicos, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde.
A programación, coordinada pola empresa especializada Iacobus Medieval, arrancará o venres día 6 ás 18.00 horas coa apertura do tradicional mercado e rematará o domingo 8 ás 24.00 horas. Nesta edición, a organización planificou actividades orientadas tanto ao público adulto como ao infantil, entre as que figuran mostras de artesanía, obradoiros de oficios antigos (vidraría, cantería e cetrería), contacontos, espectáculos de acrobacias e lume, música itinerante e loitas de cabaleiros e combates medievais.
O concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, solicita "a máxima implicación" por parte de tódolos establecementos -ben engalanando e caracterizando os comercios e locais de hostalaría, ben disfrazándose os vendedores, ben sacando os comercios á rúa- para que "a Feira Medieval de Padrón siga medrando en cada edición e sexa aínda máis atractiva".
Consulta tódalas actividades da XIII Feira Medieval no seguinte programa: Ver PDF