O Concello de Padrón encende hoxe ás 20.00 horas o alumeado de Nadal nas rúas da vila e comeza a desenvolver un programa de dinamización destas festas que inclúe unha vintena de actividades entre actuacións musicais, obras de teatro, competicións deportivas, xogos infantís, actividades relacionadas co consumo, accións culturais e iniciativas de promoción da igualdade, ademais da tradicional conmemoración da Traslatio o día 30 de decembro.
Nesta dinamización do Nadal por parte do concello implícanse as concellarías de Cultura, Turismo e Festexos e tamén a Oficina Municipal de Voluntariado (OMV). Concretamente, no caso da OMV o domingo 16 celebrará unha Feira de produtos de comercio xusto, coincidindo co mercado dominical. Esta iniciativa, enmarcada no proxecto "Consumo con sentido. Concellos coruñeses co comercio xusto" que se realiza en colaboración coa ONG Solidariedade Internacional de Galicia e a Deputación da Coruña, contará cun espazo singular no primeiro módulo da Praza de Abastos, no que se desenvolverán actividades de sensibilización, mostra e venda de produtos de comercio xusto como café, cacao e zucre.
Por outra banda, hoxe venres a OMV desenvolverá conxuntamente coa asociación AMIPA unha nova sesión do programa "Libros viaxeiros", que integra a locais do sector da hostalaría nunha actividade cultural consistente en grupos de lectura compartida de obras de "lectura fácil" e un debate posterior, ao que se pode incorporar de xeito espontáneo a cidadanía. Tras o éxito da primeira sesión, neste caso os interesados poden achegarse á Cafetería Casa do Patín, ás 11.30 horas, para facer un comentario da obra "Bailar un tanto en Madrid".
Tamén hoxe, pero en horario de tarde, terá lugar a última sesión do proxecto "Camiños da Igualdade" neste ano, unha iniciativa que traballa na recuperación da memoria colectiva das mulleres padronesas. Deste xeito, poderase apreciar en diferentes actividades o labor de investigación levado a cabo polo grupo de voluntariado local xunto coa Sociedade Cooperativa Feitoría Verde. Ademais, a Oficina Municipal do Voluntariado, que vén de cumprir 20 anos e que traballa en 10 liñas de actuación nas que colaboran 30 persoas voluntarias, ten previsto celebrar este sábado no restaurante Chef Rivera a tradicional "Comida do voluntariado".
En relación coas demais actividades previstas xa no ámbito da cultura e o lecer, o venres 21 ás 19.30 horas no Auditorio Municipal, está programado un concerto de Lucía Pérez, baixo o título "Teño algo que contarche". Esta actividade está enmarcada na programación da Rede de Dinamización Lingüística.
O sábado 22, ás 10.00 horas disputarase o I Torneo de Nadal de Chave no Paseo do Espolón, agás no caso de choiva, que se trasladará ao Pavillón do Souto. E pola tarde, ás 19.30 horas no Auditorio Municipal, terá lugar o Festival de Panxoliñas Vila de Padrón, coa participación da Coral Polifónica Padronesa, a Coral de Berres (A Estrada) e a Coral Amigos de Santiago. Xa o domingo 23 de decembro, o Auditorio Municipal acollerá a obra "Os fabulosos cleaners", de Malasombra, que inclúe un espectáculo de pompas de xabón orientado a toda a familia.
Despois do día de Nadal, o mércores 26 de decembro ás 11.00 horas terán lugar as Xornadas Escolares de Fútbol Sala no Pavillón do Grupo Escolar e ás 18.00 horas, na Biblioteca Municipal e con inscrición previa, celebrarase un obradoiro creativo de elaboración de cartas para os Reis Magos coa técnica zentangle. Esta actividade está orientada a nenos e nenas de 6 a 12 anos.
O xoves 27 a compañía O Capitán Garfo ofrecerá o seu espectáculo "Cociñando música", dirixido a tódolos públicos, ás 18.00 horas no Auditorio Municipal. E neste mesmo lugar, o venres 28 ás 18.00 horas, actuará Troula Animación, co espectáculo "Uxía lambona e banda molona", tamén para o público familiar. O sábado 29, A Carballeira Teatro ofrecerá a súa obra "O Nadal son agasallos, ou non?" a partires das 19.30 horas no Auditorio Municipal e xa na xornada do domingo 30, a igrexa de Santiago de Padrón acollerá ás 19.00 horas a conmemoración da tradicional Traslatio.
O último día do ano, o Paseo do Espolón acollerá a saída ás 17.30 horas da terceira Carreira Solidaria San Silvestre e xa a comezos de 2019 o venres 4 de xaneiro está programada unha Festa Infantil con inchables, ludoteca e posto de gofres no Pavillón do Souto, ás 18.00 horas. Finalmente, as actividades do Nadal rematarán o sábado 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos polas rúas de Padrón a partires das 17.00 horas. Todos aqueles interesados en acompañar como paxes aos Reis Magos, e que sexan maiores de 16 anos de idade, poderán inscribirse ata este sábado na Oficina Municipal do Voluntariado ou chamando ao teléfono 981 817 025.