O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, aproveitou a súa presenza na localidade italiana de Gaggi, no marco do proxecto Citizens together for sharing our Common Heritage, para divulgar e promocionar os valores e o potencial turístico, histórico, cultural, industrial e gastronómico do municipio padronés. O rexedor padronés participou neste congreso xunto cos seus homólogos de Holloko (Hungría), Obsthina Mezdra (Bulgaria), Safi (Malta), e Obec Glabusovce (Eslovaquia).
Esta cita, financiada polo programa europeo Irmandamento de Cidades, permitiu darlle visibilidade á relevancia de Padrón como berce da tradición xacobea, así como destacar o seu protagonismo no ámbito literario por ser tamén berce de grandes autores como Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. No apartado gastronómico, Fernández Angueira destacou o coñecemento en practicamente todo o mundo dos famosos pementos de Herbón.
Ademais, o alcalde padronés aproveitou para ensalzar os valores que permitiron a construción de Europa, citando entre eles a cooperación, a liberdade, a democracia, a igualdade e o estado de dereito.