O Concello de Padrón vén de iniciar as obras de mellora do camiño de Queiruga a Escravitude, na parroquia de Cruces. Uns traballos nos que o Departamento de Vías e Obras, que dirixe José Ramón Pardo Andrade, inviste 48.784,78 euros para mellorar a capa de rodaxe deste camiño e mellorar a súa seguridade a través da realización de 95 m2 de sobreanchos.
Tras a correspondente limpeza de gabias a ambas marxes do viario, hoxe comezouse coa mellora da capa da rodaxe ao longo dos seus 801 metros de lonxitude. “Aplicaremos unha capa de aglomerado en quente de seis centímetros de espesor a toda a plataforma, previa reparación das fochancas xa que é un camiño que soporta bastante tráfico pesado como camións ou tractores agrícolas”, explica José Ramón Pardo Andrade, quen indica que “se o tempo acompaña, as obras poderían estar rematadas esta mesma semana”.
Unha vez rematado o arranxo da plataforma do viario de Queiruga a Escravitude procederase ao pintado da sinalización horizontal, co pintado de liñas en bordes, así como á instalación dun sinal de Stop. Estas obras están incluídas no Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020, cuxo obxectivo é conservar e mellorar as infraestruturas rurais no municipio de Padrón, de xeito que contribúan a facilitar a accesibilidade do rural e faciliten o tránsito de maquinaria ás explotacións agrícolas, redundando así na actividade dos veciños e veciñas do rural.