Máis de 450 persoas participarán mañá martes 31 de decembro na cuarta edición da Carreira San Silvestre Solidaria Vermú Petroni Concello de Padrón, organizada pola Concellería de Deportes do Concello de Padrón en colaboración con Vermú Petroni e co club Atletismo Sar. Unha proba que dará comezo ás 17:00 horas e que terá saída e chegada no Campo do Souto (Praza de Abastos).
O concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez Conde, lembra que “a proba ten un carácter solidario e o seu obxectivo é recoller alimentos para as familias máis necesitadas, polo que animamos tamén a aquelas persoas que non participen na carreira pero queiran colaborar a que se pasen mañá polo campo do Souto”. De feito, o “prezo” das inscricións non é outro ca doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros, que se entregarán mañá martes. Dende o Concello lembran que este ano as necesidades prioritarias son o leite e o aceite, se ben son ben recibidos todos os alimentos.
Carreira
A carreira constará dunha volta neutralizada polo casco urbano e unha volta ao circuíto homologado de 5 quilómetros, con saída única para todos os participantes. Como a proba ten un carácter solidario e o que se busca é conseguir a maior participación posible, a carreira poderá completarse correndo, andando ou en bicicleta. Non haberá categorías de competición, senón que se premiará aos 4 primeiros clasificados femininos e masculinos, sempre que completen o percorrido correndo ou andando. Uns premios que consistirán en cheques solidarios que se doarán as asociacións benéficas Cáritas Padrón e Asociación Benéfica San Vicente de Paul.
A maiores haberá premios e sorteos especiais. Entre todas as persoas adultas participantes tamén haberá un sorteo de botellas de Vermú Petroni e do novo e xenuino Bitter; así como dun estuche de Vermú Petroni entre todos os participantes que compitan disfrazados. BARALLOCAS sorteará un vale de tres horas de estadía na súa Ludoteca e haberá tamén un sorteo sorpresa para os menores que participen na proba. Finalmente, establécese o Premio Especial Petroni – Obradoiro CAB para aquel grupo entre 4-8 persoas co disfrace máis divertido. Un premio consistente na asistencia a un partido do Obradoiro en palco VIP a pé de pista.
A entrega de trofeos terá lugar ás 18:30 horas no Campo do Souto, ao carón da Carpa Open Air. Para que a espera se faga máis amena, Open Air amenizará o evento coa súa música, e Barallocas coas súas mascotas. A organización porá a disposición dos participantes bebidas e produtos típicos destas datas. Ademais, todos os participantes menores de idade recibirán un cono de lambonadas á súa chegada á meta.