O Concello de Padrón outorga á actriz Rocío González Lorenzo o XIX premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva correspondente ao ano 2020. O xurado acordou por unanimidade recoñecer a traxectoria desta actriz, da que especialmente valoraron a súa capacidade de crear un personaxe complexo dende a contención no plano expresivo do personaxe de “Ada” en ‘Liberto’. O xurado tamén quixo destacar o compromiso da interprete na valoración dun modelo para o galego oral, así como a súa capacidade para implicarse en proxectos moi diferentes.
O xurado, que se reuniu esta mañá para tomar esta decisión no Centro Social do Concello de Padrón, estaba conformado por Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón –quen exerceu de presidenta-; Inma López Silva, escritora e profesora da escola superior de arte dramática de Galicia; Carlos Caetano Biscainho Fernández, actor e profesor da Universidade da Coruña; Alfonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da escola superior de arte dramática de Galicia, membro do consello asesor do centro dramático galego e membro do consello de redacción de revistas galegas de teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da escola superior de arte dramática de Galicia e director da MIT de Ribadavia; Comba Campoi García, actriz, doutora universitaria e especialista en teatro de obxectos; e como secretaria María Cruz Taboada Álvarez, animadora social do Concello de Padrón.
O xurado constituído pola presidenta, a secretaria e varios vogais especialistas técnicos realizou unha minuciosa observación de distintos candidatos e candidatas propostas por cada un dos membros do xurado, segundo as bases da convocatoria, para finalmente votar por unanimidade unha finalista.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, subliñou “o relevante de volver entregar estes premios e de apoiar ao teatro e cultura galega que nos regalan tantas emocións, sentimentos e reflexións. Nestes tempos complicados pola pandemia da Covid-19 é imprescindible seguir destacando o traballo dos artistas”.
Pola súa banda, Rocío González Lorenzo, amosou a súa ledicia por ser elixida para recibir este premio. “Estou realmente moi contenta por recibir un premio tan importante, que previamente recibiron persoas as que admiro enormemente pola súa excepcional traxectoria. Nunca o tería esperado, é unha verdadeira honra para min”, sinalou a actriz galardoada.
O galardón será entregado no mes de outubro nun acto no Auditorio Municipal, coincidindo coa inauguración do programa Outono Cultural.