-
Formaranse en hostalería, metal ou téxtil, ademais de recibir orientación laboral e desenvolver habilidades sociais //
-
As cen prazas repártense entre os tres concellos do Sar e Rianxo //
-
O alcalde, Antonio Fernández, salienta a importancia da colaboración comarcal para a formación e a empregabilidade //
Cen persoas desempregadas participarán ata novembro de 2021 na sétima edición do programa integrado de emprego dos concellos de Padrón, Rois e Dodro, aos que se une por vez primeira o de Rianxo. A impartición de contidos formativos en diversos campos, sesións de asesoramento laboral e prácticas en empresas serán algunhas das accións que desenvolverá o programa coa fin de mellorar a empregabilidade das persoas beneficiarias. Financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), conta cun orzamento total de 250.000 euros.
O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este mediodía o acto de presentación do séptimo Programa Integrado de Emprego, impulsado polos concellos de Padrón, Dodro e Rois, que este ano reparte tamén con Rianxo as cen prazas das que dispón (34 Padrón, 33 Rianxo, 24 Dodro e 9 Rois). As persoas beneficiarias, demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, recibirán formación específica nos sectores agrario, hostaleiro, industrial alimentario, metal e téxtil, ademais doutra complementaria e transversal sobre informática, idiomas ou seguridade laboral.
Tamén, coa fin de aumentar a súa empregabilidade, asistirán a diversos obradoiros e sesións de asesoramento laboral nos que desenvolverán ferramentas de intelixencia emocional e habilidades sociais para aprender, por exemplo, a afrontar entrevistas. Así mesmo, contarán cunha rede de empresas colaboradoras nas que poderán realizar prácticas profesionais non laborais.
Co aval do éxito acadado en anteriores convocatorias, o obxectivo que se marca o programa é lograr como mínimo un 37 por cento de inserción laboral. Ao respecto, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, subliñou a relevancia que veñen tendo para a comarca do Sar os distintos obradoiros de emprego desenvolvidos ata o de agora. “A colaboración comarcal é unha ferramenta indispensable para a formación, o futuro e a empregabilidade. Nesta liña vimos traballando dende hai tempo e ano tras ano demóstrase que imos no bo camiño”, sinalou.
Antonio Fernández Angueira foi o encargado de pechar o acto de presentación, que contou tamén coas intervencións de Xabier Castro, alcalde de Dodro; Adolfo Muíños, rexidor de Rianxo; e Manuel dos Santos, tenente alcalde de Rois.
Galego
Español 



