‘Petroleo’ felicitou ao Concello polo recente recoñecemento como Festas de Interese Turístico de Galicia para as festas e pediu o seu recoñecemento internacional ||
Loubou ás xentes de Padrón e aos seus manxares máis exquisitos, como os pementos de Herbón e a lamprea ||
Grande ambiente durante toda a xornada nas rúas da vila, coas prazas a reventar durante os concertos das orquestas Players, Unión y Fuerza e París de Noia ||
Hoxe, día grande da Pascua coa Feira Cabalar, espectáculo de recortadores, Charleston Big Band e as Tanxugueiras ||
O actor e premio Goya Luis Zahera deulle onte a saída oficial as festas de Pascua nun pregón no que felicitou ao Concello polo recente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia e pediu o recoñecemento internacional para as mesmas. Nunha praza de Macías ateigada de padroneses e visitantes Zahera tamén lle reclamou á Xunta que declare o Camiño da Pedronía como ruta xacobea oficial, e invitou a todos os peregrinos que fagan os 18 quilómetros que separan Santiago e Padrón para conseguir esta distinción.
Na súa intervención, Zahera louvou o espírito e o bó carácter das xentes de Padrón, así como algúns dos seus exquisitos manxares, como os pementos de Herbón e a lamprea.
Petróleo estivo acompañado durante o pregón polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, o de Rois, Ramón Tojo, membros da Corporación de Padrón e pola actriz Cristina Maró, que exerceu de presentadora e recordou algúns dos papeis máis importantes que interpretou o actor. Como dicía esta semana nas redes sociais, Zahera é consciente de que él morrerá como Petróleo, o papel que interpretou na serie Mareas Vivas e que o fixo tan popular.
Antes de pronunciar o pregón, Zahera firmou no Libro de Honra do Concello diante do alcalde e membros da Corporación, e levou como recordo un Libro da Pascua 2022 e uns pementos de bronce.
Moito ambiente
As rúas de Padrón estiveron todo o día de onte cheas de xente. Pola mañá foron moitos os que seguiron as distintas probas da 41 Carreira Popular de Pascua e as finais do campionato de tenis, pola tarde, milleiros os que se achegaron para gozar coas atraccións. Hai para todos os gustos e atrevementos. O certo e que tanto polo campo do Souto como polo paseo do Espolón pasaron onte padroneses e visitantes de todos os puntos de Galicia, e doutros lugares, pois foron moitos os peregrinos que onte se viron pola capital do Sar.
Pola tarde un grupo de nenos e nenas puido gozar coa primeira edición dos obradoiros artísticos e xogos no exterior relacionados coa Pascua, e un xogo de pistas no que tiveron que ir dando respostas a diferentes preguntas para axudarlle a Fada a acabar coa Bruxa mala. Como regalo, levaron un pedrón de chocolate que fixo as delicias dos participantes e das súas familias.
Pola noite o ambiente foi a máis. Se a praza de Macías estaba chea durante o pregón de Zahera, máis xente aínda acudiu a presenciar en directo o concerto do grupo padronés Unión y Fuerza. O mesmo pasou no Espolón, onde actuou a orquestra Players e tamén no Fondo da Vila, lugar no que a París de Noia presentou o seu repertorio para este ano.
Hoxe, día grande
E se onte Padrón tiña un grande ambiente, hoxe espérase aínda máis xente no día grande das Festas de Pascua. A xornada comeza coa feira cabalar e os concursos morfolóxicos (no campo da Barca), e a apertura de feira de maquinaria agrícola (xunto a gardería municipal), e rematará co concerto estelar das Tanxugueiras, a medianoite no fondo da vila. A música será a protagonista durante toda a xornada coas actuacións da Banda de Música de Padrón, Peter Pung e Brais das Hortas e a orquesta padronesa Charleston Big Band.
Ao igual que onte, hoxe tamén estará no paseo do Espolón un Punto Lila de información co obxectivo de loitar contra a violencia sexista no ocio nocturno. O Punto Lila ofrecerá material informativo e contará con dúas persoas para prestar asesoramento e apoio ata o martes, día 19, e do 22 ao 24 de abril entre ás 10.00 e ás 3.00 da madrugada. O Concello recorda que se algúen o precisa pode pedir auxilio abrindo a palma da man e ocultando o polgar baixo os dedos.
Programa para hoxe
09.00h Inauguración da tradicional Feira Cabalar. Campo da Barca. Inscricións nos concursos morfolóxicos.
09.00h XLIX Feira de Exposicións de Maquinaria Agrícola e Industrial. A carón da Gardería municipal.
09.30h Inicio dos distintos concursos da Tradicional Feira Cabalar.
11.00h Pasarrúas da Banda de Música Municipal de Padrón
11.30h Pasarrúas do grupo folclórico San Pedro de Carcacía, que acompañará aos xigantes e cabezudos polas rúas.
13.30h Concerto da Banda de Música Municipal de Padrón. Praza de Macías
16h-19h Obradoiros artísticos, de cociña e xogos de exterior relacionados coa Pascua no mundo. Praza de Macías.
17.00h Espectáculo de recortadores. Exhibición de recortes, quebros e todo tipo de saltos. Campo da Barca.
19.00h Concerto infantil con Peter Punk e Brais das Hortas. Praza de Macías.
22h-00h Gran verbena amenizada pola orquestra Charleston Big Band. Paseo do Espolón.
00.00h Concerto das Tanxugueiras. O grupo formado por Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chega a Padrón dentro da programacion da Xira Midas. Fondo de Vila.
01.30h Segundo pase Charleston Big Band. Paseo do Espolón.