-->

A ONCE presenta no Concello de Padrón o primeiro cupón dedicado ás Festas de Pascua

  • Están á venda 5 millóns de boletos en toda España para o sorteo que se celebrará o 26 de marzo

  • Á presentación asistiron o alcalde, Anxo Arca; o director da ONCE en Santiago, José Antonio Riveiro; e o autor da ilustración, Masito Beiró

20240320 Padron Presentacion Cupon ALF6565

O director da ONCE en Santiago, José Antonio Riveiro; o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o autor da ilustración, Masito Beiró, presentaron esta mañá na casa consistorial padronesa o primeiro cupón diario dedicado ás Festas de Pascua. Riveiro indicou que a ONCE ten á venda cinco millóns de boletos en toda España, a un prezo de dous euros, para o sorteo do vindeiro 26 de marzo, coincidindo co comezo das festas deste ano.

Anxo Arca deulle as grazas “á ONCE por ternos en consideración”, e tamén tivo palabras de agradecemento para Masito Beiró, o artista padronés autor da ilustración do cupón e unha persoa “que durante moitos anos colaborou coas festas de Pascua”.

“Estamos moi contentos e orgullosos de poder colaborar co Concello de Padrón en difundir as Festas de Pascua por toda España”, dixo José Antonio Riveiro, que agarda que o premio poida tocar no municipio padronés.

Pola súa banda, Manuel Emilio Aristóteles Beiró Martínez, Masito Beiró, quixo ter un recordo para seu pai, Beiró Buxán, “que sempre se preocupou da Pascua padronesa e foi quen me motivou para seguir coa súa traxectoria como artista”.

Esta é a primeira vez que a ONCE decide promocionar a Pascua de Padrón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e, por elección do Concello padronés, a imaxe destes cupóns que puxo á venda a Organización Nacional de Cegos correspóndese coa portada deseñada por Masitó Beiró para ilustrar o Libro de Pascua do ano 2003.

Na ilustración da portada dese Libro de Pascua do ano 2003, Masito Beiró incluíu a fachada da colexiata de Iria Flavia e da Casa de Rosalía, así como imaxes do Apóstolo Santiago da Virxe de Guadalupe, en clara alusión aos días dedicados a Santiago e a Rianxo na Pascua padronesa. Tamén figuran nesta ilustración referencias á gastronomía (o polbo), á música galega (unha gaita) e ao Pedrón, así como aos xigantes e cabezudos do ano 1965, que foron estragados por unha das enchentas que teñen asolagado Padrón.

Coa elección desta portada, o goberno padronés, presidido por Anxo Arca, quere recoñecer o traballo dunha das persoas intimamente involucradas coa edición do Libro de Pascua, xunto con Máximo Sar, Camilo Agrasar, Beiró Buxán ou Ramón Casasnovas, a quen se homenaxea este ano.

Masitó Beiró é o autor de 23 ilustracións incluídas nas portadas do Libro de Pascua de Padrón. “A primeira delas debuxeina no ano 1984 e a última sobre o ano 2010”, recorda Masito, quen relevou a seu pai, Beiró Buxán, como autor das imaxes deste libro que, co formato actual, comezou a editarse en 1961.

Hai oito anos a ONCE tamén elixira Padrón para ilustrar un dos seus famosos cupóns. Coincidindo co centenario do nacemento de Camilo José Cela, a ONCE fíxolle tamén a súa particular homenaxe ao escritor incluíndo nos boletos do sorteo celebrado o 20 de xullo de 2016 unha imaxe da estatua dedicada ao Premio Nobel no paseo do Espolón. Recentemente, a ONCE tamén lle fixo unha homenaxe ao comunicador padronés Pepe Domingo Castaño.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…